Seres de luz
Por Rebeca Maseda
Existen, son reais. Non abundan, pero cando coñeces a algún ou algunha, cégate con tanta xenialidade.
Hai uns días estiven no concerto que ofreceu a cantautora catalana, Silvia Pérez Cruz (Palafrugell, Girona, 1983), no Pazo da Ópera da Coruña. Aí vai, un claro exemplo de “ser de luz” de pés a cabeza! É compositora ademais de cantante, e fala a linguaxe da música dende que ten uso de razón: creceu entre cancións populares ibéricas e latinoamericanas, educouse no clásico e no jazz. Contaxiada polo flamenco a través dunha conexión que parece sobrenatural, canta dunha forma que só é súa, realmente estremece...
Sería imposible encadrar a música de Silvia nun só estilo. É versátil e inconfundiblemente persoal, dúas calidades que raramente coinciden e en cambio a ela defínena. Así mesmo, é fiel aos diferentes estilos que aborda sen deixar de ser, en ningún momento, ela mesma. Sen dúbida, todo o que fai ten un selo propio moi forte que fai da súa arte unha experiencia única. Basta con dicirvos que o título do seu último traballo é “Farsa (género imposible)”, acaso non é unha combinación deliciosa?
Un ser de luz irradiando música luminosa sería un enunciado perfecto. No “universo dos pentagramas” existe unha gran cantidade de música chea de luz. Música evocadora e sensual que nos teletransporta a imaxinarios infinitos onde a fantasía é a raíña indiscutible. Para min unha das obras musicais que mellor exemplifica esa idea é “Daphnis et Chloé” do compositor francés Maurice Ravel (1875-1937). Ballet definido polo propio compositor como unha “symphonie choréographique” (sinfonía coreográfica).
O guión foi adaptado por Michel Fokine a partir dunha novela homónima do escritor grego Longo (finais do s.II-comezos do s.III d.C.). A historia fala do descubrimento do amor na boca de dous mozos, un cabreiro e unha pastora, expostos no seu nacemento e criados por dúas familias campesiñas. Ravel comezou a traballar na partitura en 1909 por encargo de Serguéi Diáguilev e o ballet estreouse no Théatre du Châtelet de París da man dos “Ballets Rusos” en xuño de 1912 baixo a dirección de Pierre Monteux, con coreografía de Michel Fokine e escenografía de León Bakst.
O ballet consta dun só acto con tres escenas e a música, chea de paixón, está considerada como unha das creacións máis destacadas de Ravel: harmonías extraordinariamente exuberantes e ritmos moi elaborados. Sen dúbida, unha peza de referencia dentro da corrente artística que coñecemos como “Impresionismo”. Posteriormente, Ravel seleccionou varios fragmentos do ballet para crear dúas “suites orquestrais”, a segunda das cales é particularmente popular. De feito, cando escoitas o inicio do primeiro movemento, “Amencer”, podes visualizar unha especie de paraíso onírico onde a natureza parece fluír nunha espiral atemporal. Non
existen bordes angulosos, nin arriba nin abaixo. A liña do espazo-tempo vaise perdendo nun mar en calma.
Resulta moi complexo intentar verbalizar as sensacións pero, á vez, produce un estraño pracer darlles forma na mente. É como un proceso de inmersión profunda durante o cal a consciencia dálle paso á inconsciencia sen estridencia ningunha.
Agora mesmo só podo pensar nesa música tan embriagadora que me cegou dende a primeira vez que a escoitei. Só quero mergullarme nesa sonoridade e viaxar por un universo de luz perpetua.
Grazas señor Ravel.