Sete centros da Terra Chá participan dende hoxe na quinta Semana Escolar da Provincia
O deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou a 5ª Semana Escolar da Provincia, unha iniciativa organizada polo Goberno da Deputación, que ten como obxectivo divulgar entre a mocidade a realidade e a diversidade da natureza na provincia de Lugo. Con esta finalidade, a Deputación editou o libro-manual titulado Viaxe pola agroalimentación lucense, escrito por Alberto Ramos e ilustrado por Luz Darriba, ambos os dous presentes no acto, no que explicaron o programa de actividades deste ano. Nesta edición, que se desenvolverá do 26 ao 30 de novembro, participarán 609 profesores e 7.701 alumnos/as de 44 centros de Educación Secundaria inscritos.
Fernández Queipo subliñou que “este proxecto está concibido para divulgar coñecementos sobre o patrimonio natural da provincia nos cursos de Educación Secundaria. Dende o Executivo provincial, queremos que os máis novos adquiran esta información dunha maneira lúdica e entretida, a través dun discurso didáctico que poña en valor o medio ambiente e a súa relación co ser humano”.
O Deputado destacou que o obxectivo da 5ª Semana Escolar da Provincia “será espertar a curiosidade máis aló dos fenómenos esquemáticos e técnicos da materia de ciencias sociais; así como amosar o impacto e a relación que mantén o ser humano co medio ambiente”.
Viaxe pola agroalimentación lucense
O libro editado pola Deputación, Viaxe pola agroalimentación lucense, ten como fin achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade escolar. Está escrito por Alberto Ramos e ilustrado por Luz Darriba e conta cunha ampla selección de fotografías. É un caderno de ruta desde a perspectiva dun personaxe viaxeiro. Ana, de profesión etnógrafa, decide seguir os pasos da calidade agropecuaria/agroalimentaria da provincia de Lugo, indo aos lugares onde pode obter información, ademais de ver e palpar a realidade que seguramente non aparecerá nunha guía turística.
Durante a viaxe, Ana apóiase en personaxes, tamén de ficción coma ela, creados como soportes idóneos para o interese divulgativo do proxecto. Con todos eles, os escolares visitarán O Cebreiro, Mondoñedo, Vilalba, A Fonsagrada, Burela, O Courel, A Ribeira Sacra… facendo turismo cultural e coñecendo a súa gastronomía. Introdúcense algúns espazos destacados -fotografía e texto- sobre as vilas e aldeas visitadas co obxecto de situar dun modo tanxible e visual o percorrido.
Así, ademais de ir repasando os valores naturais da provincia -especialmente os protexidos-, facendo fincapé nas augas, na biodiversidade, no valor patrimonial dos mesmos e na importancia cultural que supoñen, o equipo vai analizando o impacto do ser humano no espazo natural ao tempo que descobre como o medio ambiente e o territorio condicionan a propia cultura, dende os usos agrícolas ou construtivos ata a gastronomía e as crenzas populares.
Actividades
A semana escolar comezará o 26 de novembro coa pegada de carteis do programa nos centros escolares por parte do alumnado. Para establecer as actividades que se desenvolverán ata o 30 de novembro elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado coas pautas para utilizar o libro-manual que se distribuirá entre os escolares inscritos e o persoal docente.
Ao longo dos días, os participantes lerán nas aulas Viaxe pola agroalimentaicón lucense e realizarán as actividades propostas no libro-manual e na Guía do Profesorado, escollerán unha ou varias rutas e elaborarán muráis colectivos sobre a agroalimentación da provincia. Por último, confeccionarán carteis para promocionar a gastronomía lucense.
Para concluír as xornadas divulgativas, o 30 de novembro ás 12.00 horas terá lugar a Festa escolar da agroalimentación, na que se inaugurará a exposición de muráis realizados polo alumnado. Os centros participantes celebrarán unha serie de actos relacionados cos traballos realizados ao longo da semana escolar e a semana rematará cunha degustación colectiva de alimentos e receitas típicas da provincia.
Centros inscritos
44 centros de Educación Secundaria de toda a provincia participarán na 5ª Semana Escolar entres os que están sete da Terra Chá:
- IES Fonmiñá do Concello da Pastoriza
- IES da Terra Chá, José Trapero Pardo do Concello de Castro de Rei
- IES Poeta Díaz Castro do Concello de Guitiriz
- IES Pedregal de Irimia do Concello de Meira
- IES Río Miño do Concello de Rábade
- Centro Público Santo Anxo de Rábade
- IES Lois Peña Novo do Concello de Vilalba