Sete concellos chairegos participan nun programa de emprego que forma a 100 persoas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con 250.000 euros (case o 90% do custo total) o programa integrado de emprego promovido por oito concellos lugueses –os de Outeiro de Rei, Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Mondoñedo- no que se formarán 100 persoas sen traballo e que se prolongará ata finais de outubro de 2020.
A iniciativa está enfocada a mellorar a ocupación dos desempregados e establece como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35% dos seus participantes. O plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.
No caso concreto desta iniciativa, os alumnos e alumnas levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, mellora de idiomas, técnicas de motivación persoal, de xénero e igualdade de oportunidades, e de autoemprego.
Ao tempo está previsto desenvolver dúas accións específicas de formación nas especialidades de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais (228 h) e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (468 h). O alumando que curse con aproveitamento estas accións terá dereito a obter o certificado de profesionalidade.