Sete mulleres de San Sadurniño, Moeche e As Pontes protagonizan a exposición 'Hai que verse nelas!'

TerraChaXa | FerrolXa
A mostra fotográfica e sonora presentarase este xoves, ás 19:00 horas, na praza Ramón Díaz Raña e abrirá a programación municipal arredor do 25N
SAN SADURNIÑO hai que verse nelas
12 Nov 2026

As historias e experiencias de sete mulleres de San Sadurniño, Moeche e As Pontes son o fío condutor de 'Hai que verse nelas!', unha exposición colectiva que busca reflexionar sobre a conquista dos dereitos, a igualdade e a importancia de preservar os avances sociais. A presentación terá lugar este xoves, 12 de novembro, ás 19:00 horas, na praza Ramón Díaz Raña.

A mostra combina retratos fotográficos e testemuños sonoros aos que se pode acceder mediante códigos QR. As protagonistas son Charo Cuba Penabad, Josefa Fernández Couce, Laura Díaz León, María del Carmen Calvo López, Maricarmen Otero González, Remedios Hernández Adega e Silvia Caffaro Napoli. A través das súas experiencias, abordan cuestións como a participación das mulleres na vida pública, a conquista do dereito ao voto e as consecuencias de vivir nunha sociedade na que as liberdades estaban limitadas ou negadas.

O proxecto desenvolveuse entre marzo e xuño deste ano mediante trece sesións de traballo participativo. A exposición está formada por sete retratos deseñados como carteis electorais, acompañados dos relatos das súas protagonistas. A iniciativa foi impulsada polas cooperativas Arabías e Illa Bufarda, coa colaboración da Asociación O Lavadoiro e dos concellos de San Sadurniño e As Pontes, e contou co financiamento do Instituto das Mulleres.

A proposta busca poñer en valor tanto os grandes avances históricos como as pequenas loitas cotiás que contribuíron a transformar a sociedade. Os testemuños lembran ás novas xeracións que os dereitos actuais son froito de décadas de reivindicacións e esforzos colectivos e que, por iso, cómpre coñecelos e defendelos fronte a posibles retrocesos.

Na creación da exposición participaron Lucía Ríos Dopico, Maca Rego Piñeiro, Silvia López Rodríguez, Raquel López Piñeiro, María Filgueiras García e Susana Vilaboi Cabarcos. Na presentación deste xoves intervirán representantes do Goberno municipal e das dúas cooperativas impulsoras, ademais das protagonistas e creadoras da mostra. Está previsto que a exposición chegue tamén ás Pontes antes de que remate o ano e percorra distintas parroquias de San Sadurniño.

 

0.17414808273315