Síndrome postvacacional
Por Lara Real Lema
Hai termos, palabras e expresións que triunfan pasando así a formar parte do noso vocabulario xeral. Síndrome postvacacional é unha delas. Proba disto está que ao longo destas semanas dende os distintos medios de comunicación darannos mil e un consellos para evitar os seus síntomas ou superar con éxito este síndrome tamén coñecido como “estrés ou depresión postvacacional”.
Non teño ningún interese en entrar a valorar se tal síndrome existe como tal ou nos atopamos ante un novo xeito de patoloxizar as cousas da vida cotiá, e dicir, esa tendencia crecente a definir situacións e condicións normais como enfermidades que requiren tratamento.
Estou segura de que se botamos a vista atrás, moitos de nós non recordaremos aos nosos pais ou avós dicindo nada parecido, se ben, si que recoñecían a preguiza que lles podía dar afacerse á idea de que estábase achegando o momento de cambiar a area da praia pola oficina, a obra, o banco (ou o que fóra), pero era iso, preguiza.
Se temos en conta o que din os expertos, os síntomas que caracterizan este síndrome son: tristeza, dor de cabeza, insomnio, irritabilidade, falta de concentración, apatía... tamén afirman que polo xeral estes síntomas remiten por si sós nun prazo duns 3-5 días, e na maioría dos casos non requiren de tratamento específico. Está claro que recuperar o ritmo que tiñamos previamente ás vacacións pode custar, pero tampouco debemos esquecer que á inversa tamén precisamos dun tempo de adaptación. De feito, é habitual tardar 2 ou 3 días en ter conciencia de que estamos de vacacións e deixarnos levar polo relax.
Romper coa inercia adquirida custa, e como sempre, ao bo é máis fácil acostumarse. ¿Quen non prefire non ter que poñer o espertador, desfrutar de sobremesas desas que se xuntan coa cea, das longas sestas na praia, ou das conversas cos amigos que non entenden de “téñome que ir que mañá toca madrugar”? Evidentemente iso e moito mais apetecible que voltar aos madrugóns, aos horarios ríxidos, ás miles de tarefas por facer, ou a ter esa sensación de que non nos chega o tempo a nada; polo tanto é normal que os primeiros días concentrarse no que temos que facer e mirar ao mundo cun sorriso sexa unha tarefa canto menos, complicada.
Tampouco debemos esquecer que setembro tamén supón un cambio estacional que pode afectarnos en maior ou menor medida. Variacións na luz, na temperatura... esixen á adaptación do noso organismo e poden chegar a alterar os nosos ritmos biolóxicos.
Non me alongarei con consellos e recomendacións que sempre son máis sinxelas de escribir ou dicir que de levar á práctica. Baixo o meu punto de vista a volta ao traballo ou a rutina só significa que se remata a boa vida, pero non a vida. Se en vez de poñer a foto da praia como fondo de pantalla e mirala con cara de pena mentres tachamos os días que quedan para as próximas vacacións probamos a deixar espazos para adicarnos aos nosos hobbies seguramente nos sexa mais doado retomar a nosa vida postvacacional (sen síndrome ningún).