SLG: "As axudas pola seca constatan o desprezo da Xunta polo rural"

TerraChaXa
O Sindicato Labrego Galego valoraba, en rolda de prensa, a orde publicada pola Xunta para paliar os danos da seca e explicar a dramática situación á que, pola falta de efectividade destas axudas, se terán que enfrontar miles de granxas na Galiza.
Villalba na rolda de prensa xunto a Estévez e Formoso
4 Nov 2017

O Sindicato Labrego Galego valoraba, en rolda de prensa, a orde publicada pola Xunta para paliar os danos da seca e explicar a dramática situación á que, pola falta de efectividade destas axudas, se terán que enfrontar miles de granxas na Galiza.

Compareceron diante dos medios de comunicación a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane; Bernardo Estévez, viticultor que ten unha pequena adega no Ribeiro e responsábel do Sector do Viño na organización agraria; e Samuel Formoso, gandeiro da parroquia de Gomareite (Vilar de Barrio) que cría vacas de carne co selo de Tenreira Galega Suprema.

A secretaria xeral do SLG comezou expresando a súa decepción por unhas axudas que “levabamos meses agardando” e que non serven para nada. Esta falta de efectividade das axudas foi corroborada tanto por Bernardo Estévez como por Samuel Formoso.

Bernardo Estévez: "Para que queremos un crédito se non o podemos pagar? Resistir así é imposible"
Por exemplo, no sector vitícola, despois de sufrir abondosos danos coas xeadas e a sarabiada que en zonas do Ribeiro e Valdeorras ocasionaron danos entre o 60% e o 90%. Agora, coa seca, as producións tamén minguaron. Estamos a falar de centos de familias que, ou ben terán unha baixada forte de ingresos, ou ben non ingresarán nin un céntimo este ano. Cómpre ter en conta que, se unha familia vive só da viticultura tivo os seus últimos ingresos a finais de 2016 e, se este ano perdeu a colleita, non volverá ter ingresos, se todo vai ben, até finais de 2018. E a viña hai que mantela, repoñer as plantas que morreron por estas inclemencias, seguir cotizando á Seguridade Social... As axudas que nos ofrecen son créditos a través do Igape, pero ninguén nesta situación vai pedir un crédito que non vai poder afrontar; ou subvencionar infraestruturas para regar como cisternas ou balsas, totalmente inviables para o sector vitícola. “É imposible resistir así”, denunciou Bernardo Estévez. “Para que queremos créditos ou subvencións? Polo menos, que nos liberen de gastos como as á Seguridade Social, que nos axuden a repoñer e manter viñedo no período de maior dificultade. Para que queremos un crédito se non o podemos pagar? Ou na Xunta son extraterrestres e non se decatan do que pasa, ou realmente queren que abandonemos o rural”.

Samuel Formoso: "O desamparo das administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono"
Nos sectores gandeiros, o panorama non é mellor. Samuel Formoso explicou que hai moitas granxas que están a alimentar o gando coa herba que tiñan gardada para pasar o inverno, e que algunhas xa gastaron esas forraxes. No seu caso, tampouco serven de nada as axudas para a seca. “Eu non podo desprazarme cada día buscar unha cisterna de 3.000 litros de auga a dez quilómetros, que é o que consumen as miñas vacas nun día. Tamén subvencionan a construción de balsas. Pero, ¿para que queremos balsas se non hai auga? Se os pantanos secan, as balsas tamén”.
Por desgraza, a seca é só unha agresión máis para uns sectores agrogandeiros que camiñan no gume da navalla. Os ataques da fauna salvaxe, prezos para a carne baixos como de hai vinte anos con cotizacións de 4'60 € por quilo para a Tenreira Galega Suprema, reformas da Política Agraria Común (PAC) que minguan cada vez máis as axudas para soster a actividade, o desmantelamento de servizos públicos de sanidade, educación e transporte... “Eu vivía na cidade e apostei por vivir no rural. Sen embargo, hoxe estoulle aconsellando aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que deixen o rural. É triste ter que dicirlle isto aos teus propios fillos, cando poderían ter aquí o seu medio de vida, pero o desamparo das diversas administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono”, queixábase Samuel.

A necesidade dun plan de choque para enfrontar a crise
Tras sufrir toda esta cadea de crises por motivos climáticos -xeadas, sarabiadas, seca- e non obter apoio da Xunta, a secretaria xeral do SLG volveu insistir en que son moitas as medidas que se poden levar a cabo dende a Administración para apoiar a continuidade das granxas que aínda seguen en activo a pesares das adversidades:
Axudas á compra de forraxes para o gando, do mesmo xeito que se fixo coas axudas ás granxas damnificadas polos lumes. Sería aplicar a mesma medida á seca.

- Axudas para restaurar praderías.

- Axudas para repoñer as cepas nos viñedos que morreron ou se estragaron coa seca, as xeadas ou a sarabia.
Axudas directas a aquelas explotacións que sufriron importantes perdas na súa produción (gando, castaña, viñedo, etc...) e, polo tanto, viron moi reducidos os seus ingresos.

- Adianto do cobro das axudas da PAC para garantir a liquidez das granxas con dereito a estas axudas. Trátase dun simple trámite administrativo que xa se ten feito noutras ocasións e que non entendemos porque, na actual situación de emerxencia, non se fai xa.

- Condonación das cotas da Seguridade Social mentres unha explotación afectada polas inclemencias climatolóxicas non teña garantidos ingresos suficientes.

- Redución ou exención de impostos como o IBI ás explotacións afectadas até que non volvan ter ingresos suficientes como para asumilos.

Isabel Vilalba tamén criticou que a Xunta se escude, permanentemente, na contratación de seguros agrarios para facer fronte a situacións coma estas que, co cambio climático, agora serán máis frecuentes. “Os seguros agrarios son un gran engano. As nosas granxas teñen serias dificultades para custear a súa simple continuidade, como para ter que pagar seguros. É inviable. No caso dunha explotación gandeira, falamos de ter que contratar seguros para a seca, enfermidades do gando, accidentes, ataques da fauna salvaxe... É imposible custear tantos seguros para cubrir todas as eventualidades que pode sufrir unha gandería ou calquera outro tipo de explotación”.

Para a secretaria xeral do SLG, a Xunta ten a obriga de artellar un plan de choque co obxectivo de garantir a continuidade de miles de granxas que, por mor das inclemencias meteorolóxicas, están ao borde da creba. “O papel das granxas, tanto como produtoras de alimentos, como á hora de manter vivo o rural e xestionado o territorio é indispensable para a nosa sociedade. Temos unha grande potencialidade para producir alimentos de calidade, pero precisamos que as diversas administracións aposten decididamente por elas con plans de consenso cos diversos sectores e que contemplen o medio e longo prazo. Por desgraza, as axudas para paliar a seca publicadas esta semana pola Xunta evidencian o abandono e desamparo das nosas granxas por parte dun goberno que parece non comprender o drama polo que están a pasar”.

0.16303110122681