Só permanece activo un incendio forestal en Galicia tras quedar extinguido un dos lumes da Capela

Galicia pechou a xornada con tan só un incendio forestal activo, despois de que os servizos de extinción lograran apagar un dos dous lumes rexistrados no concello coruñés da Capela e controlar o segundo, localizado no Parque Natural das Fragas do Eume.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, ás 20.18 horas desta tarde quedou extinguido o incendio declarado na parroquia da Capela, que se iniciara o pasado domingo e que afectou finalmente a unha superficie de 36,72 hectáreas. Do total, 25,25 hectáreas corresponden a monte raso e 11,47 a superficie arborada. Nos labores de extinción participaron, de forma acumulada, 2 técnicos, 18 axentes, 25 brigadas, 26 motobombas, unha pa, tres helicópteros e catro avións.
Deste xeito, todos os incendios forestais rexistrados nos últimos días en Galicia quedaron xa extinguidos agás un. Trátase do segundo lume declarado tamén na parroquia da Capela, dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, que desde as 20.40 horas permanece controlado.
Este incendio iniciouse na madrugada do martes e afecta, segundo as últimas estimacións, a unhas 50 hectáreas. No operativo mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 22 axentes, 36 brigadas, 27 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, cinco avións e cinco helicópteros.