Lareira de soños, un libro sobre as nosas aldeas
Por Raúl Río
Parece que os nosos gobernantes, tanto dos ministerios madrileños como das consellerías e presidencia da Xunta de Galicia, pretenden acabar co rural, como lle chaman agora ás nosas aldeas, porque pensaran que os grelos e os lacóns se crean nas tendas, que o leite nace no tetra-brik e que os polos xa nacen asados e sen plumas nalgún país das marabillas.
Penso eu que estes ministros e conselleiros non queren que saibamos de onde vimos, pero eles ben saben por onde nos queren levar, sen embrago os que nacemos na aldea somos sabedores da importancia que ten o sector primario en todas as sociedades e estamos orgullosos de contribuír á independencia alimentaria, á etnografía e á cultura popular que nos diferencian como pobo. Sen as aldeas o entroido galego sería moi parecido ao español ou estadounidense, que son os modelos de cultura alleos que nos queren impoñer.
Pero os aldeáns de nacemento non queremos acadullar por onde eles derregan e querémoslles dar valor, porque amamos e defendemos a cultura que mamamos na nosa infancia. Dicía o noso veciño é amigo, Xosé María Díaz Castro, que a verdadeira patria é a infancia, porque el estaba namorado da súa aldea do Vilariño dos Cregos e por iso, cando tivo que deixala escribiu ese precioso poema, “Monumento á ausencia”, quizás a mellor despedida que se fixo nunca en poesía, como afirmou Uxío Novoneyra no barrio bilbaíno de Masustegi, fundado e habitado por emigrantes galegos.
A pesar das necesidades que tivemos que pasar nesa longa noite de pedra do franquismo, fomos felices nese entorno que nunca esqueceremos, neses pequenos paraísos nos que acontecen cousas que están na historia que non se escribe, como diría a amiga Marica Campo, nin tampouco saen nas películas, pero que darían un bo guión para calquera delas, pois ás veces ocorren nas aldeas cousas e casos mais importantes que en calquera cidade, por moi grande que sexa.
Pensando deste xeito foi como a escritora Pastora Veres quixo darlle voz aos que non a teñen e decidiu plasmar nun libro as historias e peripecias dos diferentes veciños, os traballos e o xeito de divertirse; presentarnos as vellas fotográficas etnográficas, que por encargo de Manuel María levaba recollendo desde fai moitos anos. No libro “Lareira de soños” están recollidas voces que reflexan o pensamento desas xentes humildes e historias parecidas ás de calquera outra aldea de Galiza, por iso este libro non é un libro localista no que so está representada a parroquia dos Vilares de Díaz Castro, da autora e deste servidor. Nel verá o lector representados moitos personaxes parecidos aos da súa e outras moitas parroquias coas mesmas ledicias, problemas e costumes e a xente das cidades descubrirá ese mundo máxico e universal da aldea, pois como dixo o escritor portugués, Miguel Torga: O universal é o local sen paredes, bonita e certeira frase que recolle Pastora no Epílogo e que tamén utiliza Joseba Sarrionaindia en “Somos como moros en la niebla?”.
Ademais do precioso Limiar, a cargo do periodista Man Castro, e do Epílogo, o libro está distribuído en catro partes: De quen vimos sendo, Os alentos que me quedaron, As vidas silenciosas e Vilaregas de hoxe.
Acompañando o libro vai tamén o DVD “Entrar aos Vilares” realizado por Cibrán Tenreiro, Antonio e Xacobe González, no que estes tres rapaces, fillos de aldeáns, pero criados na cidade se introducen nese mundo, preguntando aos veciños e tentando vincular o que aprenden á súa propia identidade, rememorando cousas máxicas pasadas que non volveran a suceder.
Lendo o libro saberemos moitas cousas curiosas que lle pasaron a moitos personaxes, na terra ou polo mundo adiante, como Manuel de Zoquiñas do Fagundo, “O Milmañas”, que tiña unha carpintería en Cuba, na que agachaba a Fidel Castro cando era neno para que non o vira seu pai pola rúa; que houbo un toureiro dos Vilares que se chamaba “El Triano” e que foi profesional en Colombia e Venezuela; como Pepe de Vila, un primo da poeta Marica Campo, soubo en Caracas que Carmen, filla do Xastre da Ponte e sobriña do tío Pedro, O Trapeiro, debía ser dos Vilares polo xeito de levar o saco na cabeza como facían as trapeiras que pasaban polo Incio; que José Andrê López Gonzçalez (Andrê da Ponte), sobriño de Carmen e neto do xastre, é o investigador que rescatou o noso Apalpador (personaxe moito mais antigo que os Reis Magos e o Santa Claus da Coca Cola) e criouse na Casa da Ponte dos Vilares até os cinco anos, que foi cando seus pais o levaron para Santurtzi.
Todas estas historias, e outras moitas parecidas que ocorren ou ocorreron en calquera das nosas aldeas, pode ver e imaxinar o lector da Lareira de soños; un libro moi ameno, escrito con moito cariño, sentindo moita morriña polas nosas aldeas e por esa pequena parroquia de trapeiros e trapeiras, ese pequeno paraíso no que discorreu felizmente a nosa nenez.