Socialistas de Abadín reclama unha solución aos problemas de evacuación da auga no barrio do Coido

TerraChaXa
Pablo Díaz denuncia que a última tormenta puxo en evidencia a insuficiencia das arquetas e das reixas instaladas na parroquia, onde unha familia con dúas nenas pequenas teme novos episodios de choiva intensa
evacuacion-auga-coido
15 Sep 2026

O PSdeG de Abadín reclama ao goberno local do PP unha actuación urxente para resolver os problemas de evacuación de augas no barrio do Coido, na parroquia de Graña, tras os efectos da última tormenta. As e os socialistas denuncian que as obras executadas polo Concello hai un par de meses, por un importe de 16.000 euros, non resolveron o problema senón que aínda empeoraron a situación.

O voceiro socialista, Pablo Díaz, sinala que o tamaño das arquetas e das reixas instaladas resulta insuficiente para dar saída á auga cando se producen choivas intensas, como quedou de manifesto fai uns días. Cuestiona, ademais, que esta sexa xa a segunda intervención municipal no lugar sen ofrecer unha solución eficaz á veciñanza.

“Despois de dúas actuacións, a situación está peor. Non é aceptable gastar 16.000 euros nunhas obras e que, cando chega unha tormenta, as reixas non teñan capacidade para evacuar a auga. O Concello ten que dar explicacións e corrixir o seu erro”, reclama Díaz.

As e os socialistas advirten da preocupación dunha familia nova con dúas nenas pequenas afectada por esta situación, que teme que volva chover con intensidade. “Detrás dunha obra mal resolta hai unha familia que vive pendente do tempo e con medo a que se repita o sucedido. O alcalde non pode desentenderse dun problema que persiste despois de que o propio Concello actuase no lugar”, sinala o voceiro.

Por todo isto, o PSdeG esixe ao Goberno local do PP que revise a actuación, comprobe a capacidade do sistema de evacuación de auga e acometa as correccións necesarias para garantir unha evacuación axeitada da auga. “A veciñanza precisa unha solución antes de que chegue outra tormenta. O PP debe actuar con urxencia e asegurar que os cartos públicos serven para resolver os problemas non para agravalos”, conclúe Díaz.

 

0.81144690513611