Sole Felloza falará de seres máxicos na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
O espectáculo vai dirixido para nenos e nenas a partir de 6 anos e é necesario facer reserva
sole-felloza
17 Apr 2026

A contadora Sole Felloza estará este sábado, 18 de abril, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María, para presentar o seu espectáculo de narración oral Seres Máxicos do Reino de Galicia. Unha serie de contos para poñerlles voz, corpo e historia a esas criaturas que noutros tempos eran imprescindíbeis para entender o mundo. A través dun mapa de Galiza, creado por Manuel Gago e deseñado por Leandro Lamas, Felloza pousará o seu dedo en distintas localizacións e tirará distintas historias que marabillarán ao público presente.

Trasnos, meigas, xacias, nubeiros, seres desaparecidos e outros vencellados a illas, montes, fontes ou camiños regresarán á oralidade para ser contados de novo, reinventados e compartidos. Seres Máxicos do Reino de Galicia é unha invitación a recuperar un imaxinario propio, rico e poderoso, e facelo dialogar co presente, para que estas figuras deixen de ser reliquias do pasado e volvan acompañarnos no camiño cara ao futuro, como parte viva da identidade e da memoria do país.

Actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora, Sole Felloza é a directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén diso, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

O espectáculo vai dirixido para nenos e nenas a partir de 6 anos e é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

0.13116312026978