Son perigosas as dietas vexetarianas?

TerraChaXa
Por Marta P.
Marta Pérez Fandiño
12 Xuño 2018

Por Marta P. Fandiño

O cambio da alimentación cara unha dieta vexetariana, principalmente entre a xuventude, pode atemorizar a pais e outros familiares que descoñecen as características da mesma. Ademais, este tipo de alimentación, produce gran confusión entre aqueles interesados en levala a cabo. Pero é perigoso seguir unha alimentación vexetariana?, pode aportar todos os nutrientes necesarios?, que características son importantes á hora de comeza esta dieta?

A dieta vexetariana descríbese coma unha alimentación baseada na inxestión de produtos de orixe vexetal así coma derivados animais; principalmente ovos, lácteos e mel. As persoas que deciden seguir este tipo de vida, eliminan as carnes, os peixes, os mariscos e os insectos dos seus menús, movidos pola protección animal, ou en casos máis concretos con idea de coidar o medio ambiente. Por estes dous motivos, as dietas vexetarianas adoitan acompañarse da inxestión de produtos de proximidade así coma ecolóxicos. Tamén existen casos nos que este tipo de alimentación xorde a raíz dunha cuestión de gustos alimentarios, aínda que non adoita ser un motivo común. Seguir unha dieta vexetariana non ten por que supoñer unha empeora de saúde ou un estado de desnutrición, sempre e cando se leve a cabo dunha maneira correcta e controlada. Ningún perigo pode asociarse directamente con estes hábitos de consumo, pero, como calquera dieta, se é seguida sen coñecementos pode implicar algún perigo.

O temor máis común daqueles que queren comezar este tipo de alimentación ou dos familiares é que a dieta vexetariana non cubra as necesidades diarias de proteínas. Non obstante, e aínda que é máis coñecida a presenza de proteínas en carnes, pescados, ovos e lácteos, o mundo vexetal alberga tamén fontes importantes de dito nutriente o que evita os déficits; bos exemplos son os froitos secos e as legumes. Neste último grupo atópanse as fabas, as lentellas, os garavanzos, os chícharos, a soia, os cacahuetes e os derivados dos mesmos coma o paté de garavanzos (humus), hamburguesas e pastas de legumes, brotes de soia ou tofu. Ademais da inclusión dos produtos anteriores, as pastas e arroces integrais, a quinoa e o seitán (glute de trigo), tamén aportan máis proteínas á dieta.

Os requirimentos de vitaminas e minerais poden ser perfectamente aportados este tipo de alimentación, agás a vitamina B12, tamén coñecida coma cobalamina, que debe ser suplementada de forma externa mediante complementos. Para corroborar os niveis óptimos do resto dos nutrientes é recomendable facer revisións habituais, principalmente de ferro e vitamina D (en Galicia esta última vitamina adoita estar moi baixa debido a pouca exposición solar).  O resto de nutrientes estarán presentes sempre e cando a estrutura alimentaria sexa a correcta.

A dieta vexetariana adoita relacionarse con hábitos de consumo máis saudables, tales coma a redución de carnes vermellas e alimentos procesados, así coma o aumento da inxestión de froitas, vexetais, froitos secos e legumes. Debido a isto, estas dietas relaciónanse cun menor peso corporal e polo tanto taxas máis baixas de sobrepeso e obesidade, así coma con menores posibilidades de sufrir cancro de colon, mama e próstata. Non obstante, una alimentación sen animais tamén pode ser insá, posto que o azucre, as fariñas refinadas, as graxas de palma, de xirasol, de colza e un longo etcétera, tamén poden ser empregadas nestes menús.

En resumo, a alimentación vexetariana pode ser levada a cabo en calquera momento da vida, incluíndo a  infancia, sempre que se faga de maneira controlada e cós suplementos precisos (en menores de idade débense valorar outros a maiores da vitamina B12). Para evitar caer en perigos innecesarios, é recomendable pedir consello nutricional antes de poñer en marcha este tipo de alimentación, así coma facer controis regulares dos niveis sanguíneos de nutrientes. En canto a dietas veganas, crudívoras, macrobióticas e outras, hai que buscar un asesoramento moi individualizado posto que poden implicar dificultades engadidas.

0.19105911254883