Sotavento celebra 25 anos de historia a través dunha exposición

GaliciaXa | TerraChaXa
A mostra física poderá visitarse ata mediados de setembro dentro das visitas guiadas habituais que se levan a cabo con reserva previa
mostra-sotavento-25-aniversario
24 Aug 2026

Sotavento inaugura unha exposición con motivo do seu 25 aniversario. A mostra, titulada 25 anos de Sotavento en imaxes, conta con tres partes diferenciadas.

Por unha banda 25 fotografías en grande formato instaladas no miradoiro do edificio divulgativo, realizan o recorrido polos 25 anos de Sotavento dende unha perspectiva centrada nas persoas. Deste xeito, as imaxes toman coma protagonistas os máis de 300.000 visitantes que participaron nas actividades de Sotavento ata agora. As fotos, de grande formato, están catalogadas por ano e dispoñen de códigos QR que aportan información adicional.

Por outra banda, realizouse un álbum dixital que permite achegarnos aos fitos máis significativos da traxectoria de Sotavento. Dende a inauguración no ano 2001 por parte de Felipe VI ata a presentación do proxecto de hidróxeno, da vivenda bioclimática demostrativa, exposicións como “O Quixote e o vento”, premios, recoñecementos, persoeiros, etc. Todo isto co obxectivo de pór en valor os 25 anos de formación, educación enerxética, divulgación, investigación e produción eólica que contemplan Sotavento.

Por último, nunha terceira parte da mostra, achegarémonos á historia do parque a través do xornalismo, cunha recompilación de reportaxes de prensa que ao longo deste cuarto de século, foron dando conta das actividades, proxectos e novidades da instalación. Unha homenaxe aos medios de comunicación que tanto axudan a achegar as nosas actividades á poboación en xeral.

A exposición física poderá visitarse ata mediados de setembro dentro das visitas guiadas habituais que se levan a cabo con reserva previa no número de teléfono 652808173 ou a través do WhatsApp.
As versións dixitais serán dinámicas e irán compartíndose en redes sociais e na páxina web de Sotavento (www.sotaventogalicia.com) cambiando de contido regularmente.

0.12015199661255