StopBiogás Abadín convoca unha nova charla informativa sobre as plantas de biometano na localidade

TerraChaXa
A cita terá lugar ás 16:00 horas no local de Darío, situado ao lado da nave do Cuba
charla-stopbiogas-abadin
17 Apr 2026

A plataforma StopBiogás Abadín organizará unha segunda charla informativa para abordar a futura instalación de dúas plantas de biometano no municipio, nun acto que busca informar á veciñanza sobre os detalles e posibles implicacións deste proxecto.

A cita terá lugar ás 16:00 horas no local de Darío, situado ao lado da nave do Cuba, onde se agarda a participación de persoas interesadas en coñecer máis a fondo esta iniciativa. Dende a organización insisten na importancia da puntualidade para o correcto desenvolvemento da sesión.

Esta nova convocatoria dá continuidade ao proceso informativo impulsado polo colectivo, que pretende abrir un espazo de diálogo e reflexión arredor do impacto destas macroplantas no territorio e na vida da comunidade local.

Na sesión participará como ponente Evaristo Lombardero, neumólogo, que expoñerá os prexuízos para a saúde provocados polas macroplantas de biometano. Tamén participará José Ángel Salvatierra Rico, enxeñeiro técnico agrícola español cunha traxectoria salientable na xestión agraria e o activismo social en Galicia.

Pechará as intervencións Diana Fernández, gandeira nas Somozas e voceira da Asociación de Gandeiros Elas & Eles. Hai máis de 18 anos que loita contra a contaminación nas Somozas, defendendo o Sector Primario.

A eles engádese a colaboración especial de Máximo Florín Beltrán, creador dun estudo centrado nas dúas plantas de biometano proxectadas para Abadín. É profesor e científico, recoñecido polo seu labor de divulgación e investigación sobre impacto ambiental das enerxías renovables.

0.11669898033142