StopBiogas Abadín denuncia o “bloqueo informativo” do alcalde sobre as macroplantas de biometano

A plataforma veciñal StopBiogas Abadín denunciou a falta de transparencia, o “bloqueo informativo” e a actitude “de confrontación” do goberno local de Abadín arredor dos proxectos de dúas macroplantas de biometano promovidas por Cepsa e Inproener no municipio.
O colectivo asegura que a tensión social aumentou tras os últimos plenos municipais relacionados con estas iniciativas industriais. Segundo explica a plataforma, o pasado 19 de maio os proxectos saíron adiante grazas ao voto de calidade do alcalde, José María López Rancaño, aproveitando a ausencia dunha concelleira durante a sesión extraordinaria. StopBiogas Abadín considera que unha decisión “de tanta relevancia” para o futuro do municipio non debería aprobarse “sen consenso amplo”.
A polémica continuou no pleno ordinario celebrado o 29 de maio. Durante a sesión, o grupo municipal socialista trasladou ao executivo local nove preguntas elaboradas pola plataforma veciñal sobre cuestións relacionadas coa seguridade, os permisos, o impacto ambiental e as consecuencias socioeconómicas das plantas. Segundo denuncia StopBiogas Abadín, o alcalde só respondeu dúas das cuestións e deu por contestadas as restantes de forma xenérica, acusando ademais á oposición de “crear confusión” entre a veciñanza.
A plataforma critica especialmente que o rexedor admitise non dispoñer aínda do proxecto completo das instalacións e que evitase aclarar se o Concello concederá licenzas antes de analizar toda a documentación técnica e os informes sectoriais necesarios. Tamén denuncia que o goberno local prohibise o uso do salón de actos municipal para celebrar charlas informativas impulsadas pola propia plataforma.
Entre as preguntas que quedaron sen resposta, StopBiogas Abadín destaca cuestións relacionadas coas posibles vías legais para frear os proxectos, o impacto sobre sectores como a gandería, o turismo rural ou o comercio vinculado ao Camiño de Santiago, así como a existencia de posibles convenios económicos entre o Concello e as empresas promotoras.
O colectivo tamén pregunta polos plans de continxencia sanitaria en caso de verteduras ou contaminación, e polos informes solicitados sobre a compatibilidade das plantas coa Reserva da Biosfera Terras do Miño e co trazado xacobeo na zona de Quende.
Ao remate da sesión plenaria produciuse un momento de forte tensión entre os asistentes e o alcalde. Veciños de diferentes parroquias e representantes de colectivos sociais protestaron reclamando máis información ao berro de “Queremos saber” e “Vergoña”. Segundo relata a plataforma, o rexedor instou aos asistentes a abandonar a sala e chegou a pronunciar a frase “Quen contaba convosco?”, unhas palabras que StopBiogas Abadín considera unha mostra de “desprezo” cara á veciñanza.
A plataforma anunciou que intensificará as súas accións de protesta e confirmou que solicitará permiso para instalar unha mesa informativa na feira de Gontán prevista para o vindeiro 6 de xuño co obxectivo de informar directamente á cidadanía sobre o impacto das macroplantas.