Supervisan a obra de mellora dos accesos ao parque empresarial de Outeiro
A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, visitou esta mañá o parque empresarial de Outeiro de Rei con motivo da actuación de mellora das infraestruturas viarias levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, a Administración galega achegou máis de 114.000 euros (o 80%) para un proxecto no que se investiron máis de 143.000 euros. O de Outeiro de Rei foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para a mellora de infraestruturas en parques empresariais. En concreto, na provincia de Lugo concedéronse seis axudas, todas en concellos emprendedores, que supuxeron un investimento total de máis de 620.000€.
A actuación enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar e crear novas infraestruturas sostibles nas áreas industriais e impulsar a atracción de novos investimentos. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece axudas tanto para este tipo de actuacións como para ampliar a rede de viveiros industriais e reforzar as infraestruturas enerxéticas. Tal e como avanzou a secretaria xeral, estes programas contan con 6,1M€ nos orzamentos para 2023.
Para a vindeira convocatoria destinada á mellora de infraestruturas, que se está a tramitar de xeito anticipado para poder activar estas axudas e poñelas á disposición dos concellos a primeiros de ano, apoiaranse plantas de depuración de augas, proxectos de xestión de residuos, infraestruturas viarias interiores, instalacións de sistemas de seguridade, vixilancia e contraincendios, así como servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidroxeno renovable, e obterán un 11% máis de puntuación aqueles proxectos que se implanten en concellos emprendedores.