Supervisan dende As Pontes a posta en marcha do Plan de Viabilidade Invernal

TerraChaXa
Sinala que son 26 os centros operativos e 190 máquinas mobilizadas para garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de vías.
plan invernal as pontes
18 Nov 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que a Xunta ten despregados 390 profesionais e dispostas máis de 5.200 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante a climatoloxía adversa.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade desprazouse ao centro de conservación e explotación das Pontes de García Rodríguez para supervisar o operativo de Plan de Vialidade Invernal nas estradas de titularidade autonómica.

Destacou que a Xunta xa ten activado o Plan de Vialidade Invernal para estar preparados ante fenómenos como chuvias intensas, neve ou xeadas, característicos desta época do ano, que poden dificultar a circulación nas estradas. Está activado, concretamente, desde o pasado 1 de novembro nas provincias de Lugo e Ourense, e deste este mesmo luns, 15 de novembro, tamén nas provincias da Coruña e de Pontevedra, manténdose operativo en toda Galicia ata o 30 de abril.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que o dispositivo de medios materiais e humanos está preparado para actuar e facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa e garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta, prestando especial atención aos preto de 1.000 km de vías que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por neve ou xeo.

O plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Ethel Vázquez concretou que, no marco deste plan, para atender os 1.725 km de estradas da Xunta na provincia da Coruña traballan 128 profesionais, despregados en 8 centros operativos, dotados con 1.200 toneladas de acopios e fundentes e con 42 máquinas entre camións, cuñas, pick-up ou esparexedores de sal.

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 390 os profesionais que velarán pola seguridade nas estradas de titularidade da Xunta, con 190 máquinas e máis de 5.200 toneladas de fundentes.

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta destina cada ano arredor de 50 M€ ao mantemento en boas condicións da rede de estradas da súa titularidade, un gran esforzo en conservación no que destacan accións coma estas, da vialidade invernal.

Apelou, tamén, á implicación de todos os cidadáns neste esforzo conxunto por garantir a seguridade viaria, dado que ningún plan da Administración, dixo, pode substituír a prudencia e a concienciación social. Cómpre extremar as precaucións ao volante, especialmente nesta época do ano, e seguir en todo momento as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico para evitar complicacións, subliñou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20006394386292