Supervisan en Castro de Rei o inicio da campaña de vacinación nas residencias de maiores e de persoas con discapacidade

A Xunta de Galicia iniciou esta semana nas residencias de maiores e de persoas con discapacidade a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid, que se desenvolverá progresivamente entre outros colectivos ata o 31 de decembro.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe o operativo no centro da Fundación de Dano Cerebral en Castro Ribeiras de Lea, e explicou que o 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil, o día 19 estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios, e o 2 de novembro ás embarazadas.
A poboación diana para a vacinación fronte á gripe confórmana as persoas de 60 anos ou máis -unhas 926.000 en Galicia-, e a do covid os maiores de 70 anos -549.000 aproximadamente-. Como novidade, este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga para toda a poboación de 65 anos ou máis.
Villares subliñou as elevadas taxas de cobertura que presenta Galicia e referiuse aos datos concretos da vacina antigripal na provincia de Lugo, onde se utilizaron na pasada campaña 114.299 doses, cunha taxa de cobertura entre as persoas de 60 anos ou máis do 67,5%, dous puntos por riba da do 2024. A porcentaxe elevouse ata o 81,5% no caso dos maiores de 80 anos.
O proxecto piloto de vacinación nos centros escolares botou a andar o ano pasado en nove centros educativos lucenses de contornos urbanos, semiurbanos e rurais, e acadou unha participación do 47,7%. Este ano serán 12 os colexios nos que se poderá administrar a vacina intranasal, sen picada, ao alumnado de entre 3 e 11 anos.
Os centros que participan no programa son o CEIP Luis Pimentel e o CPR Plurilingüe San José, na cidade de Lugo; tamén o CEIP Purilingüe Vista Alegre de Burela, o CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo de Chantada, o CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito, o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez de Friol, o CEIP Lagostelle de Guitiriz, o CPR Real Colegio Padres Escolapios de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe de Monterroso, o CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de la Asunción de Sarria, o EEI de Vilalba e o CPR Plurilingüe Landro de Viveiro.