Susana López abordou en Viveiro os retos en igualdade e benestar social

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A candidata por Lugo e coordinadora de Igualdade do PPdeG, Susana López Abella, abordou en Viveiro cunha trintena de mulleres e representantes de distintas asociacións os retos no ámbito da Igualdade e o Benestar Social.
25 jun 2020

A candidata por Lugo e coordinadora de Igualdade do PPdeG, Susana López Abella, abordou en Viveiro cunha trintena de mulleres e representantes de distintas asociacións os retos no ámbito da Igualdade e o Benestar Social. 

A xuntanza serviu para escoitar ás asistentes e debater sobre os novos retos da nosa sociedade á hora de mellorar as condicións de vida das persoas e das familias. Nese sentido, sinala a popular “a necesidade de implantar medidas destinadas a favorecer a igualdade, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar” sen esquecer “a importancia das actuacións de concienciación e sensibilización neste sentido, tanto no sector empresarial como na sociedade en xeral cunha vital coordinación entre administracións públicas”.

López Abella explicou tamén a importancia da coeducación e dos recursos creados dende a administración autonómica para formar e informar sobre estas cuestións e, sobre todo, para axudar a afrontar a actual situación que vén precedida pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19. “O Goberno de Galicia adiantouse na xestión da crise do coronavirus; tamén dende o ámbito da igualdade”, afirmou. Para paliar os efectos da covid-19, a Xunta arbitrou axudas coma o Bono Concilia, a través do que se dan axudas de 500 euros aos proxenitores para pagar un coidador e así poder compatibilizar a vida laboral coa familiar.

130 MILLÓNS DE EUROS

A xuntanza de traballo enmárcase na rolda de contactos que Susana López Abella está a levar a cabo por toda a provincia co fin de recoller as propostas das asistentes e explicar en primeira persoa cales os eixos de actuación levados a cabo dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á Xunta de Galicia en 2009, así como as principais axudas concedidas. En total, preto de 130 millóns de euros cos que se prestou atención ás vítimas, se reduciu o seu desemprego, se crearon centros de acollida ou se mellorou a conciliación laboral e persoal.

A popular detallou que, dende ese ano, se destinaron máis de 43 millóns de euros a axudas para mulleres vítimas da violencia de xénero; case 2 millóns á atención psicolóxica tanto para este colectivo como para os menores; 2,6 millóns ao programa Rede Galega de Acollemento, a través do que se presta atención ás Casas de Acollida de Lugo Burela e Chantada; case 50 millóns á axudas en entidade locais para a promoción de igualdade; máis de 9 millóns para o Programa Emega, do que se beneficiaron máis de 700 mulleres e se crearon 1.275 empregos; máis de 6,3 millóns para a conciliación laboral e persoal; máis de 13 millóns a subvencións para entidades de iniciativa social para mulleres en situación de vulnerabilidade e preto de 3 millóns para axudas ao fomento do asociacionismo feminismo.

MARCO NORMATIVO

“A Xunta tivo un papel moi sinalado no marco lexislativo e na creación de distintos observatorios”, segundo sinalou Susana López Abella, que permite que “Galicia dispoña dun marco orgánico e legal que ampara esta lacra”. A modo de exemplo, citou a lei 5/2010 pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada ou a constitución da Rede de entidades Locais contra a violencia de xénero, logo dun convenio coa FEGAMP, da Comisión Interdepartamental da Igualdade, do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, ou da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista ou do Consello Galego das Mulleres.

A lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia; a modificación da Lei Galega de Violencia de Xénero; a creación do I Plan de Igualdade no ámbito educativo; diferentes campañas de prevención e convenios con asociacións como Fademur, Femuro, asociacións rurais da provincia, etc.; a posta en marcha de maneira pioneira en España da asistencia integral dos orfos vítimas da violencia de xénero; ou a creación da primeira vivenda tutelada especializada para mulleres vítimas da violencia con enfermidade mental, foron outras das actuacións que destacou a popular no encontro.

 

“En materia de igualdade e de violencia de xénero nunca é suficiente todo o traballo feito, pero si que é importante poñelo en valor. Somos e son consciente de que queda moito por facer. O compromiso de Alberto Núñez Feijóo é innegable se nos fixamos neste balance. Se a partir do 12 de xullo acadamos a confianza dos galegos e galegas, xa vos adianto que seguiremos na mesma senda e, sobre todo, con máis feitos e realidade porque entendemos que só así se pode gobernar”, concluíu.