Suspendida a obra de teatro de Castiñeiro Milenario prevista para este sábado

TerraChaXa
A segunda proposta do ciclo estaba prevista para as 19.00 horas, na Casa da Cultura de Begonte, da man da Asociación Aturuxeiros de Bravos
ciclo-de-teatro-castineiro-milenario
14 Oct 2026

Begonte continúa a ser este outono un punto de encontro para os amantes das artes escénicas coa celebración da décima edición do Ciclo de Teatro, unha programación que reúne tres propostas diferentes, dirixidas a públicos diversos e con representacións entre os meses de setembro e decembro. Está organizada polo Castiñeiro Milenario en colaboración co Concello e a Deputación.

A primeira función xa se celebrou e a segunda proposta, prevista para este sábado, 17 de outubro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Begonte, da man da Asociación Aturuxeiros de Bravos tivo que ser suspendida por motivos de saúde dunha das actrices. A agrupación, creada en 2012 e responsable tamén da organización do festival Aturuxo, conta entre as súas actividades máis coñecidas cunha compañía de teatro formada por veciñas e veciños de Bravos.

Nesta ocasión tiñan pensado representar Vaia pronóstico, unha comedia para todos os públicos cunha duración aproximada de 90 minutos. A obra parte da historia de Antón, que se atopa moi grave nun hospital tras sufrir un accidente. A familia recibe o aviso e desprázase ata o centro sanitario, pero ao chegar descobre que nada é o que parece. Trátase dunha adaptación de Pronóstico reservado, de Jean Pierre Martínez.

O ciclo pecharase o 12 de decembro, ás 19.00 horas, tamén na Casa da Cultura de Begonte, coa proposta Improcondria, de Improdutivas. Esta asociación cultural e compañía de improvisación teatral, con sede en Lugo e fundada a comezos de 2025, define a súa maneira de facer teatro como o «jazz do teatro», ao apostar por espectáculos sen guión nos que a interacción co público desempeña un papel fundamental.

Improcondria é un espectáculo de improvisación para todos os públicos, cunha duración aproximada de entre 40 e 60 minutos. A proposta constrúese integramente en directo a partir de xogos e das achegas dos espectadores, polo que non existe un guión previo, nin vestiario ou escenografía establecidos.

A compañía presenta a improvisación como unha experiencia na que o público deixa de ser un simple espectador para converterse no motor creativo das historias. As súas propostas dan lugar a escenas inesperadas e irrepetibles, facendo que cada función sexa diferente. O humor, a adrenalina do directo e a complicidade entre actores e público son os principais ingredientes dun espectáculo no que, como resume Improdutivas, «o público propón e os actores/actrices sobreviven».

0.14746499061584