Suspendida unha nova reunión de Tegestacín cos traballadores
A CIG manifestou o seu malestar pola suspensión por parte da empresa Tegestacín da reunión prevista no día de onte dentro do período de consultas. "Esta é a segunda ocasión, dentro deste proceso, que se produce unha suspensión das reunións previstas", indican dende o sindicato.
Avanzan tamén que segue sen pagarse os salarios que se lles adeudan aos traballadores do mes de decembro, "sen existir maior xustificación ao respecto".
"Dita situación é inxustificable, e non pode obedecer máis que a unha nefasta xestión empresarial, toda vez que se está a manter a producción de xeito parcial", engaden.
A CIG avanza que esperan celebrar a vindeira semana unha reunión a tres bandas coa Xunta de Galicia que foi solicitada polo comité de empresa. "Neste sentido a empresa trasladou a súa disposición para a posibilidade de manter o luns 24 esta reunión coa mediación da Xunta, na intención clara de explorar todas as posibilidades de futuro para a factoría de Outeiro de Rei", din.
"A CIG toma con cautela esta disposición da empresa visto os precedentes das reunións anteriores suspendidas e, do mesmo xeito, reclama unha actitude responsable a empresa para que se sente nesa mesa, coa garantía do pagamento dos salarios pendentes e coa determinación suficiente para afondar solucións para a factoría", conclúen.