Suspensos
Por Lara Real Lema
O suspenso e esa nota que vai dende o temido 4,9 ata o 0 máis rotundo. Pode aparecer por sorpresa tras longas tardes de estudo ou como algo anunciado despois de deixalo todo para o último intre. Sexa como sexa, cando suspendemos a secuencia habitual é a de acción-reacción, suspenso-castigo, se somos pequenos, castígannos os nosos pais e se somos grandes castigámonos nos mesmos. En todo caso tendemos a esquecer a pregunta clave que temos que facer “¿a que se debe ese suspenso?”.
Detrás dunha mala nota poden existir razóns moi dispares: falta de motivación, mal momento persoal, ansiedade ante o propio exame... En todos os casos a reacción ante o suspenso depende de múltiples factores: a importancia do exame, o esforzo que se fixo por aprobar, a tolerancia de cada un á frustración… pero sobre todo depende do significado que ese suspenso teña para o alumno. Como pais e mesmo como estudantes non imos valorar igual un exame para o que non adicamos case tempo que outro para o que estivemos horas diante dos apuntamentos.
Segundo o momento educativo os suspensos poden deberse a diversas causas. Na etapa de primaria as malas notas reiteradas poden ser unha sinal de alarma acerca dalgún tipo de dificultade, polo que tanto mestres como pais deben estar atentos. Na secundaria, ademais de ter en conta que a esixencia académica é maior, debemos valorar outros factores como os numerosos cambios a todos os niveis, a busca da propia identidade e que se trata dunha etapa na que o social e a aceptación por parte do grupo de iguais acada moita importancia. Outra historia é a universidade. Entre os tópicos de materias onde o suspenso está asegurado e as lendas de profesores que presumen de suspender á maioría dos seus alumnos, emerxe unha cifra: de todos os créditos matriculados e presentados, o 13% non se aproba, segundo datos do Ministerio. Aquí, as notas por baixo do 5 sorprenden sobre todo no primeiro curso, mesmo a alumnos que ata o momento conseguiran boas cualificacións. O cambio brusco (de ambiente, de profesores e compañeiros, de metodoloxías…) respecto ao instituto e o maior nivel de independencia tradúcense, ás veces, en malas notas. Debemos ter en conta que os estudos universitarios configuran unha parte importante da nosa identidade e por iso é polo que o fracaso académico nesta etapa poida ter un impacto máis profundo.
En todas as etapas, ademais de preguntarse o porqué, é necesario analizar que foi mal e que se debe facer para corrixilo. En xeral vamos observar dous tipos de reaccións a de quen bota a culpa a outros (especialmente ao profesor) para manter a salvo a súa autoestima; e a dos alumnos que seguen o proceso inverso, atribúense o erro exclusivamente a eles mesmos e acompáñano de sentimentos negativos: “Son incapaz, son inútil…”. Escapar deses dous extremos para analizar o que está a ocorrer e o que hai que cambiar é un paso necesario. A clave está en ser consciente de que o foco hai que poñelo no esforzo, que é o que está dentro do noso control.