Talento chairego

TerraChaXa
Por Pablo Veiga Polo mundo adiante, deberíamos engadir a dito título.
Pablo Veiga
17 Xan 2020

Por Pablo Veiga

Polo mundo adiante, deberíamos engadir a dito título. Énchenos de orgullo e satisfacción, como dicía aquel, non hai moito tempo, pola televisión nas ceas de noite boa, novas referidas a mozos e mozas, oriundos da nosa bisbarra, que desenvolven a súa práctica profesional lonxe da Terra, triunfando nas súas respectivas especialidades, merecendo o cumprido recoñecemento á súa labor. Sen tratar de desmerecer a ninguén, nin poñer a traxectoria duns por riba doutros, si cómpre sinalar o bo facer desta xente nova, pertencente a unha xeración moi preparada academicamente e que está a aproveitar as oportunidades que a vida pon no seu camiño.

A calquera de nosoutros  nos virá á mente un rapaz ou unha rapaza que nacera e medrara no noso entorno, coñezamos a familia ou talvez teñamos unha relación moi próxima, que encadre nas características sinaladas. Porque na Galicia do interior, a rural, onde a poboación descende  progresivamente e a porcetanxe de persoas maiores é seis veces maior á de nenos, tamén somos quen de presumir de veciños polos logros que acadan. Teriamos moitos e variados exemplos, mais permítanme os lectores que me cinga a tres.

En primeiro lugar, o arquitecto vilalbés, Javier Sanjurjo, que vive en Berlín e foi galardonado no concurso sobre as start-ups denominado Make It Lean Contest cun traballo titulado “Cabin Experience”, onde a finalidade é construír cabanas cos materiais propios de cada lugar, facéndoas sostibles e respectuosas co medio ambiente. Entre dezasete propostas, a de Javier resultou ser a máis votada.

Un segundo exemplo atopámolo na tamén vilalvesa Denisse Lozano, que xa deu mostras do seu potencial sendo premio extraordinario na súa promoción da carreira Grao en Comunicación Audiovisual, e que en breve empezará a traballar nada menos que no Parlamento Europeo. A pesares da súa xuventude, Denisse acredita experiencia en diversos proxectos  relacionados coa súa especialidade, dirixíndoos ela mesma, así como varias colaboracións, tanto en filmes como en videos musicais, sendo por elo merecedora de importantes galardóns.

E en terceiro lugar temos unha moza nada en Rábade, Ana Freire, que se empeñou desde nena en demostrar que a teconoloxía non era só cousa de homes. O premio Joven Talento Científico Femenino, concedido pola Real Academia de Ciencias, unido a outros dous prestixiosos recoñecementos, non cabe dúbida que lle veu dar a razón no seu plantexamento. De xogar sendo unha meniña nos ordenadores da empresa familiar a converterse en docente na Universidade Pompeu Fabra, esta rapaza rabadense ten un gran futuro por diante.

Poderiamos engadir ducias a estes tres exemplos dos que vimos de falar moi esquetamente. Reiteramos que existe un talento que cómpre recoñecer entre a nosa xuventude, a que se criou en pobos e en vilas, modelos da cultura do esforzo para nenos e nenas, que tendo aquí o seu xermolo, non puxo cancelas ás súas capacidades e traspasou fronteiras co seu coñecemento.

A mágoa é que exportamos valores para outras latitudes, nas cales se van beneficiar do seu bo facer. A nosoutros alomenos  quedaranos o dereito a presumirmos deles, de veciños e veciñas con grandes capacidades.

Un consolo, si.

0.1576828956604