Tempo de rozar

TerraChaXa
Por Pablo Veiga Arrivando o verán, un dos principais problemas que temos na Galicia son os incendios.
Pablo Veiga
6 Xul 2018

Por Pablo Veiga

Arrivando o verán, un dos principais problemas que temos na Galicia son os incendios. Nesta mesma columna témonos referido a eles nalgunha que outra ocasión e resulta tema de conversa e análise que ninguén elude, motivado pola preocupación sobre este mal que existe no conxunto da sociedade.

Resulta obvio a relación establecida coas condicións climáticas. Neste caso, logo dun outono extraordinariamente seco, no que se chegaron incluso a establecer restriccións no consumo de auga, veu a chuvia, que como se di, aló non ía quedar. E así foi, no só ó longo do inverno, senón tamén da primavera, a cal, segundo datos, foi das máis chuviosas dos últimos corenta anos. As consecuencias do noso clima son as de sempre, medra a vexetación, a herba e o mato, que secará tras unhas semanas de calor, facilitando a propagación do lume. O monte non se limpa, descúidase e logo veñen aqueles que queiman, fortuita ou intencionadamente. Os resultados, os de sempre.

Os entendidos inciden en que os incendios teñen que ser apagados no inverno, é dicir, cómpre a prevención. Montes que se limpan, que están coidados e nos que existe unha implicación cara a súa conservación, terán menos probabilidades de arder que aqueles que, valla a expresión, están a monte. Existe unha normativa de plantacións, onde se sinalan as distancias que se manterán tanto a camiños e estradas como a vivendas e edificacións, así como que tipo de árbores podemos ou non plantar nun determinado lugar. Pero as normas teñen que ser cumpridas, do contrario quedan en papel mollado e carecerán de valor. Paso importante é o que se están a dar desde os concellos do País, publicando bandos para lembrar ós propietarios que deben ter limpas as súas parcelas cando estas se atopen a menos de cincuenta metros das casas, sinalando que especies non se deben plantar nas fincas que se atopen nese radio. Unha lei de prevención de incendios do ano dous mil sete. Xa vai sendo hora que a tomemos en serio e nos poñamos as pilas e sexamos conscientes do que supón verán tras verán a vaga de lumes que tristemente adoita a sufrir Galicia. Neses bandos informativos, os mandatarios municipais falan de posibles sancións a propietarios que non asuman esa responsabilidade. A data límite era o trinta e un de maio. Aí pode estar unha das claves, que non é outra que a coacción. No momento en que se xeralicen as multas ós donos daquelas fincas que non estean limpas de forma axeitada, o resto dos mortais veranlle as orellas ó lobo e cada quen responsabilizarase do estado das súas fincas. Cando nos van ó peto, entón reaccionamos. Sexa así ou non, estamos a contemplar á beira de estradas, camiños e vivendas como aparecen da noite á mañá as parcelas impecablemente desbrozadas. Unha fórmula necesaria, que adecenta o entorno e ademáis dificulta a propagación do lume.

É tempo de rozar toxos e silvas; pero non só porque nos multen se non o facemos, senón porque será positivo para todos. Deberíamonos decatar delo.

0.17156100273132