Terra de trapeiros
Por Raul Río
A Asociación Lareira de Soños da miña parroquia natal de Os Vilares do Concello de Guitiriz –e perdoade a miña vaidade- elixiume este ano Trapeiro de Honra. O primeiro galardoado con ese premio foi o poeta Xosé María Díaz Castro, nacido tamén nesa parroquia trapeira. El teno ben merecido, pois foi quen de situar a parroquia e o Concello de Guitiriz no mapa mundial, pero eu, aínda que o agradezo, penso que non son merecedor del, e este recoñecemento obrígame a intentar facer méritos de aquí en adiante para facerme acredor dese galardón que recibiron tamén Pepe de Cristos, a Romaría Labrega da Chaira e Asunción dos Ares.
Por iso quero lembrar a estas xentes que, xa a finais do século XIX, naqueles tempos de penuria, nos que predominaba unha economía de subsistencia, os veciños desta parroquia, probe e moi poboada, collían a romana na man e íanse polo mundo adiante mercando trapos vellos que logo vendían a almacenistas, que a súa vez mandábanos ás fábricas, onde os recuperaban para facer outras prendas ou papel de periódico papel, dándolles un novo uso e un novo valor. Xente sen preparación, sen saber ler a maioría deles, pero tan emprendedores e arriscados, que se botaron polo mundo a gañar a vida dese xeito.
Os trapeiros eran apreciados e queridos en todos os sitios polos pasaban, xa que ademais de darlles algo polo que xa non servía, e que doutro xeito terían que tirar ao lixo, facían a función de redes sociais, traían noticias doutros lugares e algúns tamén sabían algo de menciña para curar dun xeito altruísta algunhas enfermidades. Este oficio so se daba nesta parroquia de Os Vilares, que era coñecida como a parroquia dos trapeiros. Estaba tan arraigado que había un, e ata tres trapeiros, en cada unha das catrocentas casas con que contaba a parroquia. Sempre se me quedou gravada unha imaxe de cando eu era neno e pasaban os músicos da orquestra para tocar na misa maior, pola festa da Pascua, e un dos músicos, ao mirar para a fachada do campanario e ver nunha furna un San Miguel con unha balanza na man, díxolles aos outros compañeiros:
- Manda Carallo! Aquí ata os Santos teñen romana!
Unhas veces utilizaban diñeiro para mercarlle os trapos aos paisanos, pero noutras ocasións trocábanllos por navallas, follas de afeitar, agullas, dedais, fíos, espellos pequenos para as mulleres e outros obxectos que non había daquela polas tendas das aldeas. Era unha forma de sacar uns cartiños que non se podían conseguir traballando no lugar. Maiormente escollían este oficio as mulleres e homes solteiros, pois os casados, normalmente, dedicábanse a traballar na casa e si saían algunha vez aos trapos era despois de sementar ou facer as colleitas. Nas súas saídas recorrían toda a Terra Chá e chegaban á parte de Asturias, O Bierzo e as terras de Sanabria.
O mais famoso e o que mais recoñecementos literarios tivo (e incluso musicais), foi Pedro López Sánchez, coñecido polas terras do Incio, Caurel e Samos como Pedro Trapeiro. A poeta Marica Campo, lembra que cando ela era nena dábanlle pousada na súa casa e polas noites rezáballes o Rosario; despois, no ano 1976, escribiu o Romance de Pedro Trapeiro, musicado por Fuxan os Ventos, e que empeza así:
Na historia que non se escribe
camiña Pedro Trapeiro
con un burro, un caixón
e un fardel de trapos vellos.
Ao Tío Pedro, tamén o gaiteiro Xosé Luís de Foxo compuxo a Muiñeira de Pedro Trapeiro na súa memoria.
Cesárea Cancelo Corral foi sempre trapeira, pois xa andaba desde nena con súa nai, María, nunha besta branca. Segundo Pastora Veres, ían por toda a Chaira, á Mariña e ata á Veiga do Eu, hoxe Vegadeo, e con cinco anos caeu no río Miño na Ponte Villar, entre Rábade e Cospeito. Salvárona uns pescadores porque a nena conseguiu agarrarse a unha pola de Salgueiro, mentres súa nai choraba desde a ponte. A noticia saíu na prensa e o avó e padriño, que estaba subscrito a un xornal, axiña soubo que na Ponte do Miño caera ao río a súa neta e que fora salvada por un valente pescador. Desde aquela quedoulle para sempre A trapeira da Besta Branca.
Outra trapeira moi famosa foi María Antonia Teijido Lagares, María Antonia de Rato. Era solteira e nas Nogais tiña a súa parada na casa de Valentín e de Balbina, e era tal a confianza que tiña con eles e a solidariedade daquela familia que, ademais de darlle pousada gratis, deixaba alí o burro cando se ía uns quince ou vinte días para a súa casa dos Vilares e encargábanse da súa mantenta e dos seus coidados coma si fora deles.
Cos cartos gañados nos trapos mercáronse vacas, cousas para a casa, vestíase á familia; os mozos da parroquia manexaban mais diñeiro e vestían mellor que os das parroquias do lado e incluso serviron para salvar vidas, como pasou na casa de Rato cando enfermara de tuberculoses un sobriño de María Antonia e o meu avó materno, que viñera daquela de Cuba, foi ver ao rapaz e coincidiu alí co practicante, don Xesús, ao que lle dixo que en Cuba tratábase con penicilina; contestoulle o practicante que xa o sabía, pero que custaba moitos cartos, ao que María Antonia, que oíra a conversación, díxolle ao practicante:
- Ai, cómame o diaño! Por cartos que non sexa!
O practicante tróuxolle a penicilina e, grazas ao diñeiro gañados cos trapos, o seu sobriño sandou e mais tarde emigrou a Sestao, onde finou no 2015 á idade de noventa anos.