Terras do Miño celebra o Día das Reservas da Biosfera con obradoiros, rutas e actividades ambientais

A Deputación de Lugo conmemorará o vindeiro 3 de novembro o Día Internacional das Reservas da Biosfera da UNESCO cunha programación de actividades educativas, culturais e ambientais nos espazos de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A iniciativa, desenvolvida coa colaboración de diferentes asociacións, inclúe propostas para públicos diversos en varios municipios da provincia.
Na Reserva da Biosfera Terras do Miño, a programación comezará con dous obradoiros de artesanía alimentaria para 60 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos no centro educativo infantil Fingoi II, en Lugo, entre as 10:00 e as 13:30 horas. Tamén na cidade, a Asociación de Mulleres Rurais Alfinete inaugurará unha exposición na antiga Escola de Benade cos traballos do obradoiro de traxe tradicional galego e outras pezas artesanais. Pola tarde, o Club Piragüismo Cidade de Lugo ofrecerá bautismos gratuítos de piragüismo e unha ruta en caiac polo Miño, con actividades de sensibilización sobre os ecosistemas fluviais e unha acción simbólica de limpeza das ribeiras. Para participar cómpre ter máis de 7 anos e saber nadar; as inscricións poden consultarse nas redes sociais do club.
En Guitiriz, a Asociación Galicia Rural organizará a III Ruta a pé polo río Requeixo, que permitirá coñecer os traballos de recuperación da presa da Trabanca e dun muíño na parroquia de Roca. A xornada completarase con propostas lúdicas e folclóricas no Centro Cultural de Galicia Rural. As inscricións están dispoñibles no enderezo info@galiciarural.es. A programación inclúe tamén unha actividade de seguimento de caixas refuxio para morcegos en carballeiras antigas, organizada por Morcegos de Galicia, con información e inscricións en info@morcegosdegalicia.com, e unha xornada de portas abertas no Apiario de Teixeiro, en Lugo, promovida pola Asociación Provincial Lucense de Apicultura para divulgar a importancia das abellas e doutros polinizadores.
A Unión de Radioafeccionados Españoles de Lugo realizará, pola súa banda, unha emisión especial para difundir os valores de Terras do Miño a través das comunicacións por radio. As persoas participantes que contacten coa estación recibirán unha tarxeta conmemorativa QSL. Para participar é necesario dispor de licenza de radioafeccionado e dun equipo emisor-receptor na banda dos dous metros. Máis información en www.urelugo.org.
A programación chegará tamén á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, onde a ANPA do CPI de Cervantes organizará unha actividade de educación ambiental para o alumnado e as familias. A proposta inclúe unha visita ao Hide O Muín, en Cervantes, e a colocación de caixas niño para fomentar a biodiversidade e a mellora dos hábitats. A iniciativa pretende implicar as novas xeracións e as familias na conservación da contorna natural.