Todo listo para a Rapa das Bestas á parroquia de Carballo en Friol

TerraChaXa | LugoXa
A comunidade do monte veciñal de Carballo convida a todo o mundo a participar da tradicional Rapa das Bestas, que se celebrará o 31 de xullo.
RAPA DAS BESTAS CARBALLO FRIOL portada
RAPA DAS BESTAS CARBALLO FRIOL portada
18 jul 2022

A comunidade do monte veciñal de Carballo convida a todo o mundo a participar e gozar da súa tradicional Rapa das Bestas, que se celebrará o 31 de xullo e para a que xa está deseñado o programa.

Este ano recuperan unha celebración que tamén foi castigada pola pandemia, unha actividade que forma parte dun proxecto que naceu co orgullo de colaborar na recuperación do Cabalo Pura Raza Galega.

A celebración comezará ás 9.00 horas coa subida das bestas ao curro. Para elo, xente a pé, cabaleiros e amazonas sairán na súa busca polo monte, para posteriormente conducilas ao curro. Separando os poldros, dará comezo o gran espectáculo da pelexa corpo a corpo entre aloitadores e bestas, na que prima o bo trato aos animais e na que se aproveita a ocasión para realizar os axeitados tratamentos sanitarios. Esto terá lugar a partir das 12,00 horas. Rematará co recoñecemento aos aloitadores e cabaleiros que participaron, previsto para as 13.30 horas.

Nesta ocasión haberá un xantar con servizo de bar e carpa cun menú de 25 euros que contará con polbo, churrasco, sobremesa, viño e café.

A tarde, a partir das 16.30 horas, resérvase para as carreiras de galope entre cabalos cruzados e puros, ás que seguirá a intrépida xincana, sobre as 17.30, e a beleza técnica das carreiras de andadura serrada e chapeada que darán fin a xornada.

Nas carreiras de galope estableceranse catro premios para os cruzados e outros catro para os puros, o mesmo que na modalidade de andadura, con catro gañadores tamén para serrada e outros para chapeada.

A inscrición para as carreiras terá un custe de dez euros por cabalo e será gratuíta para os que presenten tiquet de xantar. A inscrición pecharase ás 14.00 horas.