Todo listo para o Correlingua 2018
A deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este luns no Pazo de San Marcos o Correlingua 2018, que este ano arrancará baixo o lema A lingua non para, un evento de promoción do uso do galego dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato menor de 20 anos, que se celebra nos centros educativos de toda Galicia. En total, mobilizará no mes de maio a preto de 3.000 estudantes da provincia de Lugo, dun total de 56 centros educativos, no que se inclúen tamén 2 de Ourense.
Esta actividade conta cunha achega de 15.000 euros do Goberno provincial. No acto, García Porto, estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez; a concelleira de Cultura, Ensino, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos, Marina Doutón Rajo, e o coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo, Manuel Muñiz Besteiro.
A deputada remarcou que “con esta iniciativa seguimos traballando e sumando esforzos en prol da nosa lingua, como elemento imprescindible e reivindicativo da nosa cultura e da nosa historia”. García Porto avanzou “que a Praza de Santa María acollerá en Lugo esta carreira o día 9 de maio, e a Praza da Catedral de Mondoñedo será o escenario das actividades o día 10, e, por último, o día 14 de maio no Parque dos Condes de Monforte de Lemos celebrarase esta nova edición do Correlingua”.
A concelleira de Cultura, Ensino, Xuventude e Igualdade de Monforte de Lemos, Marina Doutón Rajo felicitou ao Correlingua “por cumprir 18 anos” e explicou que en Monforte de Lemos “participan alumnos de toda a Comarca, e tamén de concellos da provincia de Ourense”, tamén convidou a toda á mocidade a falar galego, e a participar neste evento cultural imprescindible.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, dixo “que a nosa lingua forma parte da nosa identidade cultural, o que nos identifica como pobo e como pais”. Nese senso emprazou á Xunta de Galicia “a traballar a prol do noso idioma”, que cualificou como “o máis bonito do mundo, por iso, é a nosa obriga mantelo”, insistiu.
Premiados
O coordinador do Correlingua na Comarca de Lugo, Manuel Muñiz Besteiro, lembrou “que a escola, en moitos casos, é a unica relación que manteñen os alumnos co noso idioma, por iso parafraseando o lema deste ano A lingua non debe parar, porque senón pode desaparecer”. Ademais, relatou as propostas gañadoras neste edición 2018 nas diferentes modalidades. En vídeo de primaria e infantil venceu o alumnado de 5ºA do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela), e no de secundaria e bacharelato o alumnado da ESO do CPR Seminario Menor A Inmaculada de Ourense. No Manifesto, gañou o alumnado de 3ºC do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela). E en Banda deseñada o alumnado de 5ºB do CEIP Albeiros de Lugo.
Actividades
A programación deste ano 2018 inclúe actividades nun total de 12 concellos de Galicia cos de Lugo, son os seguintes; Bueu, A Estrada, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Tomiño, Ourense, Ferrol e Vigo. Os preto de 3.000 alumnos dos 56 centros educativos da provincia, nos que se inclúen tamén 2 de Ourense, participarán nas actividades que están programadas para este ano e que arrancarán co lema, “A lingua non para”. En cada xornada celebrarase unha carreira, lerase o manifesto realizado polos alumnos de 3º C do IES Antón Fraguas, gañador do Correlingua 2018, “Rapea, que a lingua non para”, e tamén haberá actuacións musicais a cargo da Orquesta Cé Pantasma, e entregaranse os premios do concurso de pancartas.