Todo preparado para celebrar este domingo unha nova edición da Feira do Ferro

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da XVII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de abril; está organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros da localidade coa colaboración do Goberno galego.
Arias subliñou a implicación da Xunta no desenvolvemento desta actividade “para poñer en valor os produtos artesanais, potenciar os oficios tradicionais e fomentar a remuda xeracional, obxectivos aos que contribuímos a través das marcas Artesanía de Galicia e Galicia Calidade”.
A feira contará con oito artesáns que realizarán demostracións en vivo do traballo da forxa; tamén haberá espazo para amosar outros oficios tradicionais, como pirogravado, cristal tallado, cerámica ou cestería, así como postos de venda de artesanía e produtos do campo.
As actividades desenvolveranse nunha carpa cuberta a partir das 11:00 horas. Ás 12:15 horas pronunciará o pregón o actor Luis Iglesia, natural do municipio, e media hora despois comenzará un obradoiro infantil a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o Mago Lolo protagonizará un espectáculo infantil no atrio da igrexa.