“Todos os vilalbeses sentímonos doídos pola denegación da declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico”

TerraChaXa
Marta Rouco é a alcaldesa de Vilalba
Marta-Rouco-alcaldesa-vilalba
21 Dec 2024

Vimos de coñecer a desestimación da Xunta de Galicia á declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico, que supón isto para o Concello de Vilalba?

Mais que para o Concello diría que é importante para Vilalba. A distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia é un distintivo de calidade e permitiría, a nivel turístico, participar en campañas de promoción que leva a cabo a Xunta de Galicia das festas con este distintivo. Ademais, esta declaración tamén sería unha fonte de recursos para a organización da Feira do Capón, pois hai subvencións que están acoutadas ás celebracións que cumpran este requisito. Por suposto, tamén suporía un recoñecemento ao traballo que levan feito os criadores e criadoras de capón ata acadar o valor gastronómico, cultural e tradicional que ten a día de hoxe a nosa feira. Cremos que conta xa con este recoñecemento na práctica, proba dilo son as distintas mostras de apoio que nos chegan de numerosas asociacións vilalbesas e de distintos lugares de Galicia, o que afonda no sen sentido de que se lle negue a nivel institucional.

E para os vilalbeses e vilalbesas, que implica?

Creo que todos os vilalbeses e vilalbesas temos claro que hai dous produtos que levan o nome de Vilalba polo mundo, os nosos embaixadores: o capón e o queixo de San Simón. Calquera de nós sínteos como algo propio. Pero no caso da Feira do Capón hai un engadido que a fai especial: é a data que marca o inicio do Nadal en Vilalba; ir á feira é parte das nosas tradicións. Creo que tanto a nivel asociativo como a nivel particular, todos os vilalbeses e vilalbesas nos sentimos doídos por esta denegación da Xunta de Galicia, e sobre todo polo motivo que se esgrime. Non obstante, sabemos que é cuestión de seguir loitando por algo, que na práctica xa temos: a calidade, a tradición e o arraigamento do capón de Vilalba. Factores que levan moitos anos sobradamente contrastados.

Dende a Xunta de Galicia aseguran que o Concello de Vilalba desistiu do procedemento e non achegou a documentación que se lle requiriu. Como se deron estes feitos?

Dende o equipo de goberno propúxose ao pleno do Concello a solicitude da declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira do Capón. No pleno todos os grupos políticos, por unanimidade, aprobamos a solicitude, xunto co expediente a remitir elaborado por persoal técnico do Concello, sen que ningún grupo formulase obxección á documentación. Unha vez aprobado, remitiuse a solicitude á Xunta de Galicia. A principios de setembro, a Xunta formulounos un requirimento que foi contestado en tempo e forma. Dende aquela ata que recibimos a desestimación, en decembro, chamei en varias ocasión á Xunta para preguntar polos avances pero non obtiven ningún tipo de resposta. Decidín entón enviar un correo electrónico á persoa que firmaba o requirimento, ao que tampouco contestaron. E finalmente, o 2 de decembro recibimos a desestimación, por falta de acreditación do requisito de arraigamento da feira. Estes son os feitos, demostrables e contrastables. A partir de aí, o ruído. Pero o ruído, que interesa a quen vén de cometer un erro grave e ten que tapalo, non nos pode desviar do noso obxectivo. Xa estamos traballando en presentar unha nova solicitude, para que, por fin, e a pesar das trabas, a Feira do Capón acade a designación de Festa de Interese Turístico.


Xa estamos traballando en presentar unha nova solicitude, para que, por fin, e a pesar das trabas, a Feira do Capón acade a designación


O que si que se lles concedeu foi a prórroga para sacar adiante o proxecto do PIREP, que supón isto para o Concello?

Si, acadamos unha prórroga por parte do Ministerio, o que nos vai permitir que chegue unha importante inversión de fondos europeos, case un millón de euros. En concreto vaise levar a cabo un proxecto para mellorar a eficiencia enerxética da Casa do Concello. Vaise cambiar a cuberta, mellorar a envolvente do edificio e a distribución interior, o que nos vai permitir reducir a factura enerxética e mellorar os servizos que se prestan aos veciños e veciñas. A realidade é que, despois de moitos anos sen mantemento, temos a maior parte dos edificios públicos municipais con problemas de filtracións de auga, polo que hai que aproveitar todas as oportunidades para solucionalos. Non concibo que alguén poida dubidar da necesidade de manter en boas condicións os edificios públicos nos que se prestan servizos á veciñanza. E quixera neste punto facer unha reflexión sobre a bipolaridade do PP de Vilalba: pasaron meses criticando ao goberno municipal porque se perdera esta subvención, que en realidade non se perdera, dicindo que eramos incapaces de xestionar o Concello. Nós mentres realizamos os trámites para sacar o proxecto a licitación en prazo, e sacouse, pero só se presentou unha empresa e a mesa de contratación entendeu que non cumpría os pregos, polo que tivo que quedar deserto e non tíñamos marxe para unha nova licitación. Solicitouse unha prórroga ao Ministerio, foinos concedida e estamos xa no proceso de adxudicación das obras, co obxectivo de inicialas na maior brevidade. E agora ao PP, que preguntaba por este tema en varios plenos, tamén lle parece mal que non se perdese e que se vaia executar. Agora están nunha nova fase: a de que non é algo necesario. Fagamos o que fagamos, sempre van ter algo que dicir e sempre en contra.

Outro proxecto tamén aprobado é a renovación da cuberta da Casa da Cultura, como chegou a este acordo coa Deputación de Lugo?

É unha obra moi necesaria. Non pode ser que un dos edificios públicos que visita máis xente de Vilalba e doutros lugares se atope no estado no que está, con humidades, goteiras e caldeiros para evitar a acumulación de auga no chan. Case todos os cursos, exposicións ou convocatorias de prensa se fan na Casa da Cultura. A diario tamén ten un uso importante, a Oficina de Turismo e a Hemeroteca están no seu interior. Non podía seguir alargándose esta situación. Ademais, o terceiro e cuarto andar están infrautilizados debido a estes problemas. As obras vannos permitir habilitar espazos para que asociacións locais que o precisen poidan ter alí un pequeno espazo para o seu uso.

Remata o 2024 con outros proxectos no tinteiro como é a estación de autobuses, que acontece con ela?

A estación de autobuses é unha infraestrutura de titularidade da Xunta de Galicia, que decidiu pechala de xeito unilateral. Unha das primeiras reunións que mantiven como alcaldesa foi con persoal da Dirección Xeral de Mobilidade por este tema. Dende entón reuninme en varias ocasións coa Xunta, intentando que se tome unha decisión na que se dote dun espazo aos usuarios para poder esperar resgardados o transporte público e cunhas condicións mínimas: uns aseos e paneis informativos. No mes de outubro, tras case un ano de xestións e reclamacións, conseguín que visitase as instalacións a directora xeral de Mobilidade e alí comprometeuse a presentar un proxecto. Dende entón nin contesta aos nosos requirimentos nin volvemos ter noticias da Dirección Xeral de Mobilidade. Pedirémoslle a Papá Noel e aos Reis Magos que nos traian novas súas.

Pode asegurar algún proxecto que si se conseguirá no 2025?

Si, ademais dos xa citados, imos abrir un novo Punto de Atención á Infancia con 20 prazas no espazo que hai libre no edificio da Praza da Abastos. As obras xa están adxudicadas e comezarán de forma inmediata. Hai varias familias en Vilalba que precisan este servizo e esperemos darlles unha solución no vindeiro ano. Tamén imos instalar unha pista multideporte no campo da feira e acometer unha nova área de autocaravanas, con mellores prestacións; imos poñer en marcha varias actuacións, en colaboración coa Confederación Hidrográfica, para seguir incidindo sobre o ciclo da auga; e esperamos conseguir o PERTE da auga. Finalmente, temos solicitadas dúas axudas ao Ministerio, que esperamos conseguir, unha para mellorar o tramo do camiño de Santiago que discorre polo casco urbano e outro para a creación de zonas verdes.

0.13373804092407