Tomé anuncia á veciñanza de Castro de Rei novos proxectos para o Concello

TerraChaXa | LugoXa
O secretario do PSdeG na provincia, Tomé Roca, anunciou que “en pouco tempo haberá unha excelente nova para os veciños de Castro de Rei”.
TOME ALBA SINDE CASTRO DE REI PSOE
TOME ALBA SINDE CASTRO DE REI PSOE
19 dic 2022

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que “en pouco tempo haberá unha excelente nova para os veciños de Castro de Rei”. Concretamente,  con respecto ao edificio que albergaba o psiquiátrico que é propiedade da institución provincial, “que contará cunha ocupación e unha actividade efectiva”.

Ademais, valorou o apoio económico da Deputación de Lugo no Concello, “co funcionamento da Granxa Gayoso Castro, co Centro de Recría ou a Granxa Experimental de Leite, onde fan prácticas alumnos de moitos puntos de España”.

José Tomé, acompañado de cargos orgánicos do partido, participou no encontro que a candidata socialista á Alcaldía de Castro de Rei, Alba Sinde, mantivo coa veciñanza para coñecer as súas necesidades.

No acto, celebrado o sábado na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea, o dirixente socialista destacou que Alba Sinde conta coa formación que a acredita para facer unha gran labor no Concello de Castro de Rei. E sinalou que a candidata socialista “encarna un proxecto de futuro, novo, xoven, con ilusión e co que seguro ampliará o resultado electoral no concello”. Asegurou que, “se hoxe se celebraran eleccións, o PSOE melloraría os resultados no conxunto da provincia. Estamos nun bo momento, as perspectivas son boas, pero hai que traballar”, incidiu.

José Tomé, quen puxo en valor o “excelente traballo” realizado polo ex-Alcalde socialista, Juan Valiño, presente tamén neste encontro, gabou a decisión do secretario xeral e actual voceiro de Castro de Rei, Jose Luís Castro Tellado, de dar un paso a un lado, para apoiar a Alba Sinde. “Ese xesto é de agradecer”, remarcou.

Na súa intervención, Tomé Roca aludiu á política laboral que impulsa o Goberno do PP en Galicia no eido sanitario. “Os nosos mozos e mozas marchan de aquí porque as condicións laborais son peores, e os contratos son peores.” E puxo como exemplo que os médicos que se contrataron pola Covid na nosa comunidade “non se lles renovou o contrato. Isto non é unha mala xestión, é insulto á cidadanía”, replicou.

No que atinxe á política industrial, denunciou que o PP “non ten ningún plan industrial para a provincia”. Sinalou as constantes fotos de Feijóo en Alcoa, “pero solucións cero”, que a Xunta “segue sen gastar a metade do orzamento do IGAPE”, ou a súa inoperancia en Viveiro, coa empresa Vestas, “onde había 125 traballadores, pero o Goberno galego nin a pisou, cando é unha competencia da comunidade autónoma”, o mesmo que aconteceu coa empresa conserveira ALBO.

Un sentimento de orgullo

Pola súa banda, Alba Sinde  dixo que unhas das inquedanzas que a levou a encabezar a candidatura socialista “é a de implicar á mocidade da vila na política local. Non podemos ver aos mozos emigrar sen ningunha perspectiva para o seu futuro. Temos que opinar e decidir entre todos e todas”.

Tras percorrer as parroquias de todo o concello, comprobou como a veciñanza se queixa “de que os problemas do concello só se arranxan si están preto as eleccións. Esta é a política clientelar ás que nos ten acostumando o PP de Castro de Rei”. “E por suposto -insistiu- preséntome a estas eleccións porque teño un sentimento de orgullo de traballar polo meu pobo e poñelo no mapa”, explicou na súa intervención.

Arroupe socialista

Xunto ao Secretario Xeral do PSdeG na provincia, a candidata socialista estivo acompañada neste acto pola Secretaria de Organización na provincia, Pilar García Porto, o voceiro do Grupo Parlamentario, Luís Álvarez, a deputada no Congreso Ana Prieto e o senador César Mogo, así como compañeiros e militantes da comarca.