“Traballamos priorizando o servizo ás persoas e ás familias”

TerraChaXa
Elba Veleiro, a alcaldesa socialista de Vilalba, remata a súa primeira lexislatura contando a súa experiencia e os fitos destes catro anos.
elba veleiro alcaldesa vilalba
elba veleiro alcaldesa vilalba
26 feb 2023

Elba Veleiro, a alcaldesa socialista de Vilalba, remata a súa primeira lexislatura.

A asemblea da agrupación socialista deu o seu apoio unánime á actual alcaldesa co obxectivo de dar continuidade ao proxecto que se iniciou no 2019, ano no que foi arrebatada a alcaldía ao Partido Popular tras máis de 40 anos no goberno.

Pode facernos un balance desta lexislatura, a primeira socialista tras 40 anos de goberno do PP?

Un balance claramente positivo. A pesar de ser unha lexislatura complexa e difícil por causas sobrevidas e imprevistas que reduciron notablemente o tempo real de actuación para marcar as diferenzas cos 40 anos anteriores, creo que o grupo de goberno socialista fomos quen de dar pasos para conseguir implementar o noso ideario, o noso programa que foi maioritariamente apoiado pola veciñanza que vía a necesidade dese cambio de rumbo, que quería outra forma de facer, outra forma de xestionar: con honestidade, con transparencia, con igualdade de oportunidades para todos, con respecto e con dignidade.

Non é fácil nun período dunha lexislatura trasladar á realidade un cambio tan notable como o que precisa Vilalba e menos si se ve recortada case á metade do tempo efectivo. Seguimos traballando arreo para conseguilo, esperando que os vilalbeses e as vilalbesas manteñan a súa confianza no proxecto socialista.

En que eidos cre que se produciu un cambio máis notable?

En todos. O modelo socialista responde a unha forma diferente de interpretar a xestión do Concello con transparencia, honestidade, defendendo dereitos como a liberdade, a xustiza ou a igualdade en todos os eidos. Traballamos sempre priorizando o servizo ás persoas e ás familias  na procura do seu benestar e non escatimamos esforzos para poñer a Vilalba no lugar que lle corresponde no século XXI. Podemos concretar con algúns exemplos, como en materia de urbanismo, con proxectos que tratan de devolverlle os espazos ás persoas coa humanización das rúas e a tan importante accesibilidade, respectando o medio ambiente, a sostibilidade dos recursos, a eficiencia enerxética e a modernización dunha Vilalba que estaba ancorada no pasado.

Tamén se deu un cambio notable ampliando o abano da oferta cultural para todos os públicos, de todas as idades, en diversas formas, dando valor á cultura da nosa terra, das nosas raíces, da que nos alimentamos para seguir crecendo como pobo e como país. Iniciamos a prestación de servizos que non son competencia do Concello pero que asumimos para facilitar ás familias ben a Conciliación persoal e laboral como son o Servizo de Madrugadores nos colexios ou o Servizo de Comedor na Escola de Educación Infantil (parvulario) ou ben para que non tiveran que desprazarse fora do concello para recibir unha atención específica como é o caso do Servizo de Atención Temperá.

Tratamos de marcar a diferencia coa bandeira da igualdade, do total respecto a todas as persoas á marxe das súas condicións de vida, pensamento e ideas. Tratamos de visibilizar e poñer en valor o papel da muller en todos os eidos, e recoñecer a algunhas delas que case caeran no esquecemento. Avanzamos en materia de prevención da violencia machista con obradoiros en centros de ensino, así como promovendo xuntanzas coas mulleres do rural. E tivemos unha especial sensibilidade para achegar a cultura e as festas a aquelas persoas con discapacidade auditiva, algo que nunca antes se fixera.

"A rúa da Pravia é un exemplo paradigmático de actuación urbanística seguindo as bases do modelo de vila sostible e accesible que queremos desde o equipo de goberno socialista"

"O modelo socialista responde a unha forma diferente de interpretar a xestión do Concello con transparencia, honestidade, defendendo dereitos como a liberdade, a xustiza ou a igualdade en todos os eidos"

Que queda pendente de rematar este ano?

Supoño que a mira está xa posta na próxima lexislatura.

Que grandes proxectos hai en marcha?

Completar os proxectos que están en marcha como a reforma do edificio do concello para o que o MITMA concedeu unha subvención de un millón de euros sendo este proxecto seleccionado entre os mellores de España por estar dedicado a  habilitar un espazo funcional, moderno, con plena accesibilidade física, sensorial e cognitiva, tanto para os traballadores como para os  usuarios e sobre todo para reducir considerablemente o consumo enerxético, para converter a casa do concello nun edificio sostible cunha serie de actuacións que logren un consumo enerxético mínimo. Ademais na elaboración deste proxecto fíxose un proceso participativo contando coas suxerencias de representantes de asociacións, traballadores, Anpas.

Tamén continuamos coas obras  que  corresponden ás distintas fases do Convenio asinado coa CHMS por máis de 3 millóns de euros para actuacións na mellora do Ciclo da Auga . Actualmente na 1ª fase a construción dun pozo de tormentas e melloras na Depuradora dos Pasos. No Rural a idea é executar as obras en vías de comunicación previstas para esta anualidade,  rematando as xa iniciadas e realizando as que se están sacando a licitación nestas datas e as que se irán desenvolvendo en próximos meses.

Nesta lexislatura as inversións no Rural foron de preto de 2,5 millóns de euros. Hai que continuar coa mellora nas telecomunicacións tan necesarias para facer máis doada a vida laboral, o acceso á formación e á cultura e mesmo ó lecer a quen escolla vivir máis preto da natureza. Seguir achegando a fibra óptica a barrios e parroquias.

Tamén estamos pendentes de resolución de solicitude de subvención para dous proxectos en relación có Camiño de Santiago, unha por valor de 1,5 millóns de euros e outro por 500.000 euros para activar outro importante recurso turístico do noso concello.

Sen esquecer que temos que rematar as obras das Piscinas municipais na Madalena. Unha infraestrutura que, ademais de servir para o lecer e desfrute da veciñanza, vai ser un atractivo máis para chamar a visitantes de outros lugares que contribúan á reactivación económica da nosa vila.

E xa entrando polo miúdo, que plan de finalización de traballos hai para as piscinas de verán na Magdalena?

Está previsto rematar cara finais de maio para xa este verán poder desfrutar das instalacións tanto por parte dos vilalbeses e das vilalbesas como das persoas que se acheguen doutros lugares.

Finalmente, que futuro terá o Mupav? Está previsto que continúe?

Estamos no proceso de regularización da situación administrativa do Mupav que é un proceso complexo que conleva a implicación de administracións, institucións e particulares. En breves datas convocaremos unha reunión das partes implicadas para avanzar neste procedemento. A vontade é de que, despois de solucionados estes problemas arrastrados desde vai moitos anos, Vilalba poida contar cun Museo de Prehistoria e Arqueoloxía activo ó nivel que lle corresponde.

Que data de finalización para as obras da Pravia podemos manexar. Ao final a obra complicouse polo estado das infraestruturas, non?

A rúa da Pravia é un exemplo paradigmático de actuación urbanística seguindo as bases do modelo de vila sostible e accesible que queremos desde o equipo de goberno socialista. Para elo encargamos un Estudo de Mobilidade e Espazos Públicos que marcara as liñas estratéxicas para recuperar espazos para as persoas e reordenar as rúas para favorecer o sector servizos, o comercio e a hostalería. As obras na rúa da Pravia forman parte dese Plan Xeral de Humanización e reordenación pero tiveron que afrontarse con urxencia para resolver os graves problemas que existen nas canalizacións, moi antigas, obsoletas e mesmo con risco de poder afectar ás persoas ou ós bens materiais. Xa de por sí unha obra complexa que se complicou por falta de coñecemento da situación real das infraestruturas, planos, estado actual das canalizacións, etc. A pesar diso contamos con ter rematado o groso da obra a finais de abril.

Que plans hai a nivel industrial, concretamente no polígono?

Estamos traballando para lograr a expansión do polígono e favorecer así o asentamento de empresas que xeren postos de traballo que garantan o desenvolvemento de proxectos de vida no noso concello. O máis inmediato será sacar á venda as parcelas de titularidade municipal procedentes do Plan de Sectorización da empresa Entrepinares. Tamén estamos progresando no proxecto de ampliación do polígono industrial. Este luns tivemos unha reunión co persoal encargado de dito proxecto que nos trasladou o avance no mesmo de forma que esperamos poder concretar neste trimestre.

Cales son as principais necesidades a día de hoxe para Vilalba?

Vilalba precisa seguir progresando. O noso papel é o de identificar con claridade as necesidades e priorizar actuacións; manter nas mellores condicións posibles aqueles servizos necesarios para a convivencia e o benestar das persoas. Cambiar a visión global do pobo actuando sempre en aras de lograr que Vilalba sexa un concello activo, dinámico, accesible, sostible, moderno e atractivo para vivir e tamén para visitar, que explote o seu grande potencial de cara ó turismo, que mire ó futuro con ilusión renovada, coa confianza de que o mellor está por vir.

visita obras edar vilalba chms
proxecto rua da pravia vilalba 2
infografia obras remodelacion casa consistorial vilalba
visita subdelegada concello vilalba
presentacion campana nadal vilalba comercio
obras estradas agadin oleiros vilalba
festas de vilalba nete 7