Transportistas cortan a A6 á altura de Guitiriz
Uns 200 piquetes informativos que protagonizan a folga do transporte que leva en marcha dende o luns cortaron este venres a autovía A-6, que une Galicia con Madrid, nun acto simbólico que durou uns dez minutos e que transcorreu sen incidencias.
A forte presenza de axentes dos corpos de seguridade, cunha decena de furgóns, atrasou a acción dos piquetes, que conseguiron polo menos o seu obxectivo de forma simbólica. O tráfico viuse resentido nos accesos a A8 pola estrada que vai ata Santiago de Compostela, a N-636, pero apenas houbo incidencia na vía.
Os piquetes tiráronse ao chan para simbolizar o corte da estrada nun dos sentidos da vía, con berros de "Ministra, dimisión!", en referencia á de Transportes, Raquel Sánchez.
Ademais, esta mesma vía foi cortada pola mañá á altura do Corgo en ambos os dous sentidos noutro piquete organizado polos folguistas que se mantivo durante unha media hora ata que a intervención da Garda Civil logrou paliar a situación. En Vilalba tamén se impediu a libre circulación dende o polígono industrial como se fixo durante toda a semana.
Non houbo incidentes en ningún dos casos pero a situación empeza a recrudecerse na industria, onde os problemas de subministro están a causar importantes perdas económicas así como despedimentos e Ertes. Do mesmo xeito a gandaría está a sufrir novamente xa que a industria non recolle o leite e os desabastecementos xa son claros nos supermercados.
ALCALDE DE FRIOL
O alcalde de Friol, o popular Jose Ángel Santos, quixo apoiar aos gandeiros do sector cárnico que se manifestan ás portas de Novafrigsa, en Lugo, e fíxoo na mañá do venres.
Desde o Concello de Friol tamén quixeron ter un detalle con todas estas persoas que levan unha semana dia e noite as portas deste recinto co obxectivo de defender o seu traballo e a este sector, dado que estamos as portas da Feira do Queixo e Pan de Ousá que se celebra o vindeiro domingo, o Alcalde xunto con alguns concelleiros levaron pans, queixos e bebidas para que "estes héroes repoñan forzas cos dous produtos típicos e principales do municipio de Friol", dixo.