Trasparga celebrará esta fin de semana as súas festas patronais con música, actos relixiosos e fogos artificiais

A parroquia de Trasparga, no concello de Guitiriz, celebrará esta fin de semana as súas festas patronais na honra a Santiago Apóstolo e Santa Ana cun programa que combinará tradición relixiosa, música en directo e verbena.
Os festexos comezarán o sábado cunha misa solemne ás 13.30 horas na igrexa parroquial, seguida da tradicional procesión. Ao remate terá lugar a sesión vermú, amenizada polo grupo Ardores.
Xa pola noite, a verbena contará coa actuación do Dúo Ángel América e do grupo Ardores, que serán os encargados de poñer a música á primeira gran noite das festas.
O domingo continuará a programación cunha nova misa solemne ás 13.30 horas e a correspondente procesión. A continuación celebrarase unha sesión vermú longa e a festa de despedida, amenizada polo grupo Recuerdos e o Dúo Caramelo.
Como broche final ás celebracións, está prevista unha sesión de fogos artificiais a cargo da pirotecnia Rocha-Areas.