Trece receitas competirán nos concurso de cociña do programa As Pontes, Terra de Cogomelos

As Pontes volverá converterse o sábado, 28 de novembro, nun punto de encontro da micogastronomía galega coa celebración da gran final dos concursos de receitas de “As Pontes, Terra de Cogomelos 2026”, unha das iniciativas xa consolidadas dentro do programa municipal de promoción e divulgación da cultura micolóxica.
As instalacións da asociación veciñal A Choupana acollerán, a partir das 9.30 horas, unha final aberta ao público, na que competirán 13 propostas culinarias, distribuídas nas catro modalidades do certame: profesional salgada, profesional doce, amateur salgada e amateur doce.
Todas as persoas interesadas poderán achegarse ata A Choupana para seguir o desenvolvemento do concurso, coñecer de primeira man as creacións das persoas finalistas e descubrir diferentes formas de incorporar os cogomelos á cociña. A xornada ofrecerá así unha oportunidade para compartir a paixón pola gastronomía e pola micoloxía nun ambiente aberto e participativo.
A selección das receitas finalistas realizouse o pasado venres, 13 de novembro, durante as reunións de valoración celebradas na Casa Dopeso. O xurado estivo integrado por catro persoas vinculadas ao mundo da micoloxía e da gastronomía: Ricardo Gabeiras, da Asociación Micolóxica Poupariña; Rafael Corral, cultivador local de cogomelos con certificación ecolóxica do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA); Mari Cruz Lois, do restaurante DelaPiccola; e Cristina Fustes, do mesón 7 Camiños, ambos os establecementos cunha oferta gastronómica que incorpora os cogomelos nas súas cartas.
O xurado avaliou as propostas presentadas atendendo a criterios como a orixinalidade, a presentación, as técnicas empregadas e o protagonismo dos cogomelos, combinando así diferentes perspectivas profesionais, desde o coñecemento micolóxico e o cultivo ecolóxico ata a súa aplicación na cociña.
Na categoría profesional salgada competirán tres propostas: Pablo Pizarro, da Coruña, con Empanada de trompetas dos mortos e chocos; Alba Rivera Balsa, das Pontes, con Os segredos do bosque; e Maximiliam Eihausen, de Vigo, con Pasta de “dobre” boletus.
Na modalidade profesional doce, chegaron á final Gael Fernández Pérez, da Coruña, con Tatín de cantarela e reineta, e Mateo Blanco Martí, tamén da Coruña, con Bocado de cogomelos e o seu entorno.
A categoría amateur salgada é a que contará cun maior número de participantes. Competirán Alejandro Castro, das Somozas, con Outonía ou cogumelos con landraguesas; Roberto Gómez Caridad, de Cambre, con El sueño del comandante Cousteau. Setas submarinas o la incertidumbre existencial; Tomás Rodríguez, da Coruña, con Cremoso de pataca e cebola con trompetas dos mortos; Fátima Filgueira, de Narón, con Monográfico de Boletus edulis; Mateo Núñez, das Pontes, con Paté de Boletus edulis; e José María Vázquez Granado, de Ortigueira, con Lentellas con cogomelos.
Finalmente, na modalidade amateur doce, as dúas propostas que optarán ao premio serán as das pontesas Mónica Gómez, con Tronquitos das Fragas, e Carmen Martínez, con Caprichos de outono.
Unha final aberta ao público para descubrir o talento micogastronómico
A xornada do sábado permitirá completar a avaliación das propostas coa elaboración e presentación presencial dos pratos, incorporando á valoración realizada sobre as receitas aspectos que só poden ser analizados na degustación final, como o resultado da elaboración, o aroma, a textura, o equilibrio dos sabores e o tratamento gastronómico dos cogomelos.
Deste xeito, o xurado determinará as receitas gañadoras das catro modalidades e recoñecerá aquelas propostas que destaquen especialmente pola súa calidade, creatividade e capacidade para converter os cogomelos nun elemento protagonista da elaboración.
O acceso será libre e gratuíto, polo que o Concello das Pontes anima a veciñanza e todas as persoas afeccionadas á micogastronomía a achegarse á Choupana ao longo da mañá para gozar desta cita, coñecer as propostas finalistas e acompañar as persoas participantes nunha xornada dedicada á creatividade culinaria.
A final reunirá participantes procedentes de sete concellos galegos -As Pontes, A Coruña, Vigo, As Somozas, Cambre, Narón e Ortigueira-, reflectindo a capacidade do certame para atraer cada ano persoas afeccionadas e profesionais da cociña de distintos puntos de Galicia.
O concurso forma parte de “As Pontes, Terra de Cogomelos”, programa impulsado polo Concello das Pontes para divulgar a riqueza micolóxica do territorio, promover o coñecemento e aproveitamento responsable deste recurso e poñer en valor as posibilidades gastronómicas dos cogomelos.
Pola súa banda, a concelleira Elena López, concelleira responsable do proxecto, destaca a importancia de seguir impulsando iniciativas que contribúan a consolidar As Pontes como destino de turismo micolóxico. “Nas Pontes temos unha riqueza micolóxica extraordinaria e un produto gastronómico de primeira calidade, ao que nos gusta chamar o noso marisco de monte. Queremos seguir poñéndoo en valor, non só pola súa importancia ambiental e gastronómica, senón tamén polo seu potencial para atraer visitantes, dinamizar a economía local e dar a coñecer o noso territorio”.
Finalmente, Elena López anima a veciñanza e ás persoas visitantes a “achegarse o sábado á Choupana para gozar dunha xornada aberta ao público e descubrir o talento das persoas participantes e as múltiples posibilidades culinarias do noso marisco de monte”.