Trécola Producións leva a súa última estrea a Meira xunto a unha exposición

Este luns, día 20 de xullo, as 11.30 horas, no Local Municipal O Centro, en Meira, Trécola Producións presentará a súa obra cómica e para todos os públicos Pituquito Literal, un teatriño de guiñol no que o protagonista vive unha plena adolescencia.
Pituquito é un rapaciño novo que desfruta da natureza, do parque, dos amigos, dos tiktoks… mentres loita, desde a súa inocencia, contra unha chea de inxustizas que vai atopando no camiño.
As integrantes de Trécola instalarán ademais ese mesmo día unha exposición no local, A grande familia do títere europeo, da Asociación Morreu o demo, na que se poderá descubrir a figura de Barriga Verde e a súa relación con outros protagonistas do títere tradicional do continente e que estará dispoñible ata o día 27 de xullo.
Estas actividades están organizadas pola Asociación Cultural M de Meira seguindo coa súa andaina de dar valor e visibilidade a arte e cultura galegas, formando parte dun proxecto da Asociación Morreu o demo e co apoio da Xunta de Galicia mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais e máis o Ministerio de Cultura co programa de axudas Territorio Cultura, para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas.
Trécola Producións e outras compañeiras da Asociación Morreu o demo, levarán tamén a cabo con este proxecto varias actividades para todas as idades en Láncara, xa no mes de agosto, coa Asociación Cultural Val de Láncara.