Tres luzes
Por Raúl Río
O 2 de outubro do ano 2015, tivo lugar na igrexa dos Vilares de Guitiriz a celebración dunha homenaxe ao noso querido veciño, Xosé María Díaz Castro, e ao calor desa homenaxe naceu a “Nova Poesía Guitirica”, composta polos que Armando Requeixo chamou daquela “Os afillados de Pepe”.
Agora foron aumentando eses afillados e afilladas e o noso activista cultural, Antón de Guizán, afirma que ademais do potencial poético que temos, contamos con tres Luzes nesa asociación, que aluman o futuro da nosa poesía, das nosas letras e da nosa cultura, enriquecendo e dando valor ao noso idioma, ese idioma e esa cultura que con moito gusto e remango nos sigue secuestrando o presidente da Xunta de Galiza.
Unha delas é María Luz Airado Bello, unha andoriña das cortes ou curuxa das noites, que anda na procura do carabullo da curvatura perfecta, do diámetro exacto, e da herba la, para instalarse no berce dos sonos; avogada e poeta da terra dos canteiros de Román, que segundo Manuel María encheron de cruceiros toda a Terra Chá.
Publicou o poemario “Instintos” e colaborou en libros colectivos como “Trinta voces pola eliminación da violencia contra as mulleres” da Editora Alvarellos. Xa cando era rapaza recibiu varios premios, como o “Trapero Pardo” ou o “Francisco Fernández del Riego” e cando estudaba dereito na Universidade de Santiago gañou, no outubro de 2008, o “IX Certame Díaz Jácome” de poesía para novos creadores, convocado polo concello de Mondoñedo coa colaboración da Fundación Caixa Galicia.
Tiven o gusto de vela e escoitala este verán no “I Festival de Poesía Guitirica”, organizado polo Concello de Guitiriz e promovido por Nova Poesía Guitirica, Xermolos e a Lareira de Soños, que tivo lugar os pasados 12 e 13 de xuño, onde tamén puiden ver e escoitar á artista, poeta e escritora galega Luz Darriba, quen, ao igual que o noso amigo, fundador de Xermolos, do Festival de Pardiñas e moitas cousas mais, Alfonso Blanco Torrado, naceu na capital de Uruguai.
Pasou por Bos Aires en 1970, estudando Mestra Nacional de Artes Visuais na Escola Nacional de Belas Artes Manuel Belgrano; pintura e escultura no taller do escultor Pujía; pintura mural na Escola Superior de Belas Artes Ernesto da Cárcova, da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, emigrando a Galiza en 1990 para crear, no ano 2000, o proxecto CUMULUM, co que rodeou os 2.130 metros do perímetro da muralla romana de Lugo con máis de medio millón de libros, para que este monumento fose declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, obxectivo que, grazas a ela, foi logrado nese mesmo ano.
A esta poeta e artista plástica debémoslle o deseño da folla de carballo que serve de anagrama da Nova Poesía Guitirica, na que tamén contamos con Luz Campello, poeta de Labrada e descendente de vilaregos, a quen coñecín na igrexa dos Vilares, o 14 de agosto de 2011, pola desgraza do pasamento prematuro do seu tío Ovidio Campello, amigo meu e compañeiro de faixa e de loita naqueles tempos de “Nunca mais - Secula ez berriro” polas rúas de Euskadi, cando o litoral galego estaba pintado de negro. Amiga desde aquel día, pero antes, aínda que non a coñecía persoalmente, eu xa admiraba a súa poesía, debido a que xa lera o seu libro “Corazón da terra”, editado por Xermolos no 2009, e sabía tamén que no ano 2005 gañara o premio de poesía “Andoriña Voandeira”, que convoca anualmente a Irmandade de Centros Galegos de Euskadi, con un micropoemario titulado “Muller”.
Despois, Luz Campello veunos agasallar con un necesario “Inventario do prohibido”, editado por Espiral Maior; unha luz forte e clara que inunda ese espazo baleiro no que, como muller orgullosa de selo, loita contra o prohibido, afirmando que é froito dun enxerto de maceira que colga dunha pola, que leva o selo do pecado orixinal nas súas veas, para que a vexamos completamente núa, sen prendeduras nin mordazas e poidamos ver no reverso do espello a pel feita testemuña, porque ter espírito de guerreiro non abonda para domeala, nin ter alma de trapeira nos autoriza a tratala coma un trapo. Todo un inventario do que as leis prohiben dependendo do sexo e da orientación sexual de cada quen, nesta sociedade machista e patriarcal, do que tanto Sonia Levinski como Sandra Tenreiro musicaron poemas.
Dentro de pouco esta Luz alumaranos con outro libro de poesía que está preparando para publicar na colección “Rompente” de Galaxia e que xa agardamos con impaciencia. Será benvido para todos aqueles que amamos a boa poesía e para esa asociación guitirica á que pertencen estas tres Luzes.