Tres proxectos de eficiencia enerxética e mellora de infraestruturas chegarán ao pleno extraordinario de Vilalba

TerraChaXa
A corporación debaterá actuacións nas piscinas municipais, o parque empresarial e os accesos ao núcleo de Cabanamille, en Belesar
casa-do-concello-de-vilalba
5 Aug 2026

O Concello de Vilalba celebrará este xoves 6 de agosto, ás 10.30 horas, un pleno extraordinario no que se someterán a aprobación tres proxectos destinados á mellora das infraestruturas municipais e ao incremento da eficiencia enerxética en diferentes puntos do municipio.

Un dos asuntos que volverá á sesión plenaria será a proposta para instalar unha cuberta vexetal de sedum nas instalacións das piscinas municipais exteriores. A actuación conta cun investimento de 48.000 euros, dos que o 80 % estará financiado mediante unha subvención concedida pola Xunta de Galicia. O sistema instalarase sobre a cuberta da zona de vestiarios e dependencias anexas co obxectivo de mellorar o illamento térmico do edificio, reducir os efectos das altas temperaturas e favorecer unha maior eficiencia enerxética das instalacións. O equipo de goberno volverá defender esta iniciativa tras levala ao pasado pleno, ao considerar que supón unha actuación beneficiosa para o municipio e unha oportunidade para executar un investimento cun elevado nivel de financiamento externo.

Outro dos proxectos previstos na orde do día é a segunda fase da renovación da iluminación pública do parque empresarial, cun orzamento de 104.060,40 euros. A actuación contempla a substitución de 137 luminarias por tecnoloxía LED de alta eficiencia, equipada con regulación por dobre nivel. Segundo as estimacións municipais, esta renovación permitirá reducir o consumo eléctrico en máis dun 40 % e diminuír o gasto anual da factura da luz en preto de 4.391,68 euros.

A sesión tamén abordará a actualización do proxecto para a rexeneración dos accesos ao núcleo de Cabanamille, na parroquia de Belesar. A iniciativa, financiada mediante un convenio coa Deputación de Lugo, prevé a limpeza de máis de catro quilómetros de cunetas e a reparación do firme en arredor de 2,5 quilómetros das principais vías da zona.

Este último proxecto xa fora aprobado anteriormente pola corporación, pero volverá pasar polo pleno tras actualizar o seu orzamento para adaptalo aos prezos actuais e poder iniciar un novo procedemento de licitación, despois de que o anterior quedase deserto ao non presentarse ningunha empresa. Con estas actuacións, o Goberno local busca seguir avanzando na modernización das infraestruturas municipais, na mellora da eficiencia enerxética e no acondicionamento da rede viaria do municipio.

0.12128305435181