Tres proxectos liderados por mulleres reciben axudas do programa Emega
A Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas do programa Emega, das que na provincia de Lugo se benefician 24 iniciativas empresariais lideradas por mulleres. As achegas concedidas suman un importe de 207.000 euros.
Esta convocatoria é cofinanciada co Fondo Social Europeo e permitíu a creación de 26 empregos, 24 por conta propia e dous por conta allea.
En todos os casos se trata de proxectos acollidos á liña Emprende deste programa, destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta propia e allea. Ademais, un deles obtivo unha axuda complementaria da liña Concilia, dirixida a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Hai iniciativas beneficiadas en 14 concellos lugueses con representación en Rábade, Guitiriz e Vilalba.
Entre os proxectos apoiados figuran negocios relacionados coa hostalería, aloxamentos, comercios, elaboración e venda de produtos artesanais, formación, atención sanitaria, servizos, salóns de peiteado, unha empresa de espectáculos ou unha editorial de literatura infantil e xuvenil.
O obxecto do Programa Emega é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.
O programa Emega inclúe catro liñas específicas: Emprende -á que se acolleron os proxectos lugueses-; Innova, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ITEF, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a Concilia, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.