Ultiman os traballos de reurbanización da Praza do Barreiro das Pontes

As obras de reurbanización da Praza do Barreiro encaran xa a súa recta final tras varios meses de execución. Esta intervención, cun orzamento de 372.644,07 euros financiado pola Deputación da Coruña, e adxudicada á empresa Construcciones Fego Atlántico SL, forma parte da estratexia municipal dos últimos anos para mellorar a calidade dos espazos públicos destinados ao lecer e á convivencia cidadá.
O proxecto ten como obxectivo recuperar este espazo emblemático do poboado do Barreiro, transformándoo nun lugar atractivo, inclusivo e ambientalmente sostible e obras contemplan unha actuación integral destinada a transformar a actual Praza do Barreiro nun espazo público máis funcional, accesible, seguro e sostible.
Para iso, definíronse varias liñas de intervención que afectan a distintos ámbitos clave. En primeiro lugar, deuse prioridade á funcionalidade do espazo, reorganizando a súa configuración para fomentar o lecer e a convivencia veciñal, apostando pola reación de novas zonas de estanza e reunión máis acolledoras, así como dunha área de xogos infantís atractiva, todo integrado nunha ampla superficie axardinada, vertebrada por itinerarios peonís que garanten a conexión coa contorna e cos edificios residenciais.
Ademais, mellorouse a accesibilidade, eliminando as barreiras físicas que dificultaban o tránsito, especialmente para persoas con mobilidade reducida. Deseñáronse percorridos accesibles conforme á normativa vixente, escollendo pavimentos seguros e ergonómicos, e facilitando o acceso adaptado a todos os portais das vivendas, garantindo así un espazo inclusivo para toda a veciñanza.
No ámbito da seguridade, o novo deseño reduce os riscos asociados ao uso diario do espazo público, incluíndo unha reorganización clara dos elementos urbanos e unha renovación do sistema de iluminación, que mellora a visibilidade e a percepción de seguridade durante as horas nocturnas.
Paralelamente, apostouse pola eficiencia enerxética mediante a substitución da rede de alumeado por luminarias LED de baixo consumo e alto rendemento, así como coa instalación dunha nova rede de rega automatizada, deseñada para optimizar o consumo de auga e favorecer a sustentabilidade ambiental.
Cómpre salientar tamén a mellora da calidade ambiental coa incorporación de especies vexetais autóctonas, resistentes e de baixo mantemento. Trátase de zonas verdes permitirán mellorar o confort térmico, ofrecer sombra nos meses máis cálidos e mitigar o impacto do vento e da choiva no inverno, ademais de contribuír á purificación do aire e á permeabilidade do terreo.
Finalmente, o proxecto inclúe un equipamento urbano sostible, con bancos, papeleiras e elementos de xogo fabricados con materiais reciclados e reciclables, que contribúen a reforzar os principios de economía circular e respecto polo medio ambiente.
Esta intervención supón un paso máis na aposta do Concello das Pontes por construír unha vila máis amable, accesible e verde, na que os espazos públicos sexan lugares de encontro, descanso e benestar para toda a veciñanza. A finalización dos traballos está prevista nas próximas semanas.