Últimos días para participar no concurso de postais de Noche
A Asociación Recreativa Cultural Nausti anunciou a celebración do III Certame de Postais de Nadal na parroquia de Noche para o ano 2024. Esta iniciativa busca fomentar a creatividade e implicación dos máis pequenos na celebración do Nadal, cun enfoque especial na cultura e tradicións locais.
O certame está dirixido a nenos e nenas da parroquia de Noche ou con familiares pertencentes a esta comunidade. Divídese en catro categorías de idade: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 , de 9 a 12 e de 13 a 14 anos.
A temática das postais será Nadal na miña parroquia - Noche 2024, onde se valorarán especialmente as creacións que representen recunchos emblemáticos da parroquia, como o sartego, o cruceiro, a escola, os barrios ou as casas.
As postais deben presentarse no formato DIN A5 (1/2 folla) e incluír, no reverso, os datos do autor/a: nome, apelidos, idade e contacto telefónico. O prazo de entrega estará aberto ata o luns 23 de decembro de 2024 e poderán ser entregadas a calquera membro da directiva da asociación.
O xurado, composto por persoal docente, reunirase o 27 de decembro de 2024 para decidir os gañadores, que recibirán material didáctico como premio.
As postais participantes estarán expostas os días 28 e 29 de decembro de 2024, de 17:00 a 19:00 horas. A entrega de premios terá lugar o 6 de xaneiro de 2025, coincidindo coa celebración do Día de Reis, entre as 11:00 e as 12:00 horas.
Esta iniciativa busca non só celebrar o espírito do Nadal, senón tamén promover o orgullo pola identidade cultural da parroquia de Noche.