Últimos días para participar no Volante Deputación, que terá lugar a fin de semana en Pastoriza

O xoves, ás 12:00 horas, remata o prazo de inscrición no Volante Deputación, que se celebrará esta fin de semana no circuíto de Pastoriza.
A proba de condución deportiva, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación, ofrece a afeccionados e afeccionadas ao automobilismo a posiblidade de formarse e iniciarse na competición, en dúas xornadas nas que participan nun curso de condución segura e en probas cronometradas no propio circuíto.
O xogador do CB Breogán Arturs Kurcus achegouse este mediodía ás instalacións, onde se interesou polo funcionamento do evento, que se consolidou como canteira do automobilismo en Lugo.
O escolta letón, gran afeccionado ao motor, coñeceu as características do coche de competición co que o gañador ou gañadora do Volante Deputación poderá participar no Rally San Froilán, premio en xogo a fin de semana.
As solicitudes, dispoñibles na web de PTC Escuela, deberán enviarse ao enderezo electrónico piloto@ptcescuela.com. As solicitudes atendense por ordede recepción do correo electrónico coa documentación solicitada (modelo de solicitude de participación, fotocopia do DI e certificado de empadroamento), até cubrir as 160 prazas dispoñibles.
Requisitos de participación
A organización establece os seguintes criterios optar a partipación no Volante Deputación
- Ter entre 18 e 35 anos na data de celebración da selección (30 e 31 de maio)
- Estar empadroado/a en calquera dos municipios da provincia de Lugo, con anterioridade ao 14 de maio (data en que se abre o prazo de solicitude)
- Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos de calquera trofeo, copa ou campionato de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, slalom e autocross, nos últimos 5 anos (2021-2026, ambos os dous incluídos).
- Non ter quedado como piloto (condutor/condutora) entre os 5 primeiros postos da xeral na clasificación final de calquera evento ou proba de ámbito nacional ou rexional de calquera disciplina automobilística, con excepción do karting, slalom e autocross, nos últimos 5 anos (2021-2026, ambos os dous incluídos).
- Non ter gañado ningunha edición do denominado “Volante Deputación” ou outra selección de pilotos celebrada nos últimos 14 anos. (2012‐2025, ambos os dous incluídos)
-Estar en posesión do permiso de conducir nas que sexa imprescindible telo (formación de competición, adestramento e rally)
- Reunir, na data de celebración do Rally San Froilán do ano 2026, tódolos requisitos esixidos pola Federación Galega de Automobilismo para obter a Licenza de Piloto segundo a normativa para a expedición de licencias no ano en curso.
O Volante Deputación é un dos piares da rede de apoio da Vicepresidencia da Deputación a este deporte. Engádese unha convocatoria anual de axudas para pilotos de rally cunha dotación de 45.000 euros e o patrocinio dos rallys de campionatos galegos e estatais que se disputan nas distintas comarcas ao longo do ano.