Últimos días para presentar proxectos de desenvolvemento sostible das Fragas do Eume á Fundación RIA

A convocatoria impulsada pola Fundación RIA, co apoio da Fundación MOP, entra na súa recta final e permitirá presentar candidaturas ata o vindeiro 15 de outubro ás 14.00 horas. A iniciativa busca apoiar proxectos que contribúan á conservación do Parque Natural das Fragas do Eume, ao desenvolvemento local e á xestión sostible da súa contorna.
As propostas seleccionadas poderán beneficiarse de acompañamento técnico, apoio á comunicación ou financiamento económico para facilitar a súa posta en marcha ou impulsar iniciativas xa existentes. Nesta última modalidade, a convocatoria conta cun orzamento total de 15.000 euros, destinado a apoiar un máximo de cinco proxectos, cunha achega mínima de 3.000 euros para cada un.
O ámbito de actuación abrangue os municipios de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes. Poderán participar persoas físicas, empresas, cooperativas, asociacións, fundacións, comunidades de montes, centros educativos, universidades, entidades de investigación, administracións públicas e grupos de desenvolvemento local, entre outros.
As iniciativas deberán encaixar en ámbitos como a arquitectura e a mobilidade, a actividade económica e produtiva, a divulgación, a educación e a participación, así como noutras áreas que contribúan aos obxectivos da convocatoria. Os apoios terán unha duración estimada de entre tres e seis meses.
A iniciativa enmárcase no proceso de planificación estratéxica e diálogo que a Fundación RIA desenvolve desde 2025 nas Fragas do Eume, co propósito de reforzar a conservación activa do espazo natural e a súa relación coa comarca, promovendo a colaboración entre administracións, axentes locais, sector produtivo e comunidade científica.
As candidaturas deberán presentarse en formato dixital a través do formulario habilitado pola organización, xunto coa documentación recollida nas bases. O prazo remata o 15 de outubro ás 14.00 horas, polo que as persoas e entidades interesadas dispoñen de poucos días para preparar e enviar as súas propostas.
Para resolver dúbidas, a organización mantén habilitado o enderezo electrónico consultas@fundacionria.org, aínda que o prazo para formular preguntas remata o 8 de outubro. As consultas deben indicar no asunto «Convocatoria proxectos Eume».