Un centenar de ponteses participan nos plans de emprego do Concello
Un centenar de desempregados de As Pontes participan nos programas de emprego, subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciados polo Concello de As Pontes, para promover a inserción laboral.
Ana Pena, concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego remarca que a través destas iniciativas “o concello de As Pontes ofrécelles unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ós beneficiarios para que poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.
O Programa Integrado de Emprego Pontes de emprego, que se prolongará ata finais do mes de novembro, está dirixido a mellorar a empregabilidade dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación. Inclúe un amplo abano de accións formativas, de orientación laboral e fomento do emprededurismo que se desenvolverán a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización que permitirá reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.
Os 85 alumnos que participan neste Programa Integrado de Emprego do Concello de As Pontes reciben información, orientación laboral, formación e asesoramento sobre a creación do currículo vítae e de cartas de presentación, sobre o modo de afrontar unha entrevista de traballo así como nocións sobre a procura activa de traballo a través de internet e o autoemprego.
Desde o goberno local de As Pontes, Ana Pena, sinala que o Programa Integrado de Emprego Pontes de Emprego está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna e, por este motivo “inclúense cursos sobre actividades de almacenamento, técnicas de venda, cociña, ou de manexo de carretilla e pala cargadora para axustarnos ás demandas do mercado e, deste xeito, chegar o noso obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 30% dos veciños que participan no Programa Integrado de Emprego”.
O Programa Integrado de Emprego Pontes de Emprego tamén ofrece formación transversal en prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías, ofimática, técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral así como prácticas non laborais e tarefas de prospección empresarial.
O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.
Obradoiro de emprego Eume
A través do Obradoiro de emprego Eume un total de 12 alumnos reciben formación teórica e práctica sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio. O obxectivo desde programa, en palabras de Ana Pena, é “procurar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais, para deste xeito favorecer a súa inserción nun sector cun alto volume de demanda de profesionais”.
Formación sobre atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás, organización do domicilio de persoas dependentes son algúns dos contidos que forman parte do programa. Durante o período de prácticas, os alumnos desenvolven os coñecementos teóricos adquiridos a través do programa de Axuda no Fogar do Concello de As Pontes.
O programa que ten unha duración de 1.440 horas tamén ofrece formación en novas tecnoloxías, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais ou técnicas de procura de emprego para que creen o seu proxecto profesional-persoal que lles permita a inserción no mercado laboral.
O orzamento deste obradoiro é de 207.975 euros, dos cales 167.975 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 40.000 euros polo Concello de As Pontes.