Un chairego de Portomarín
Por Pablo Veiga
Un gran acerto, sen dúbida, a concesión do galardón Chairego de Honra, que dúas das entidades asociativas máis senlleiras, por non dicir as máis, da Terra Chá, como son Xermolos e a Irmandade Manuel María, veñen de conceder a Iago Pérez Santalla.
Acredita méritos de abondo o citado mozo, natural de Vilaxuste, no concello de Portomarín, unha parroquia esta na cal se desenvolveron iniciativas empresariais relacionadas co mundo do campo, especialmente coa ganderia, moi loables.
A biografía e o currículum de Iago pódense visualizar na súa páxina web e incluso no seu perfil de Facebook, onde aparecen os datos máis relevantes. Aínda así, cómpre detérmonos nalgúns aspectos dunha figura que xa deu moito de si e abofé seguirá dando no futuro.
Iago diplomouse en Educación Social pola Universidade da Coruña, realizando posteriormente o Máster en Servizos Culturais, na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde eu o lembro ver por primeira vez, logrando ser Doutor Cum Landen en Humanidades. No seu haber está a publicación de dous libros de recomendable lectura, O i-límite do pensamento libre, que escribiu xunto a Manuel Rivero, e El i-límite del potencial humano, dúas obras que impactan en quen as lea. Tamén se atreve coa poesía e na faceta de articulista, merecendo asemade os correspondentes e necesarios recoñecementos.
É unha traxectoria a de Iago onde o mellor aínda está por vir, xa que o seu potencial e capacidades non teñen límites. E utilizo estas expresións non casualmente, xa que el é unha persoa moi indicada á hora de falar de conceptos como esforzo, superación e determinación. De aí, a súa Teoría do I-límite, na cal se priorizan as capacidades individuais fronte as discapacidades. A persoa, explorándose a si mesma, será quen recoñeza as súas limitacións, pero ó mesmo tempo as súas i –limitacións.
Porque o protagonista deste artigo, na columna Coa Nosa Voz, é un home cunha importante discapacidade, unha característica que non foi quen de derrotalo, nin impedirlle ser dono do seu propio destino. Esa limitación están sendo vencida polas as súas cualidades e aptitudes e sobre todo, polas súas i-limitacións.
Agora, Iago Pérez Santalla traballa como formador en coaching, un termo este un pouco raro, pero que está de moda nos últimos tempos. Iago exerce como coach - que traducido directamente do inglés significa adestrador -, un profesional que transmite as técnicas e ferramentas necesarias para conseguir as metas propostas na vida, tanto desde o punto de vista individual como grupal e colectivo. E ninguén mellor cá el para esa función.
Por todo elo, non resultaron esaxerados os cualificativos que se lle dedicaron na entrega do premio Chairego de Honra: Auténtico líder, a viva representación da loita contra a adversidade, xigante, supervivinte, intelixente, disciplinado, traballador e comprometido. En definitiva, un referente para a sociedade actual, un exemplo a seguir.
Desde agora, na nosa nómina de chairegos ilustres, temos un novo membro que reúne á perfección os requisitos para esta distinción. E para nosoutros é unha honra telo. Un chairego de Portomarín.