“Un Concello ten unha obriga simple: atender a todos por igual”

TerraChaXa
David Saavedra substitúe a Elva Carrera á fronte do BNG municipal
david-saavedra-bng-pastoriza
11 Oct 2026

A asemblea local do BNG de Pastoriza elixiu a David Saavedra López, enxeñeiro técnico de Telecomunicacións de 41 anos, como candidato á alcaldía do concello para as eleccións municipais de maio de 2027. A designación produciuse na asemblea celebrada en Pastoriza, coa participación da militancia da organización local, que respaldou a proposta.

Saavedra López toma a remuda de Elva Carrera, que despois de encabezar cinco veces a candidatura nacionalista comunicou á asemblea a súa decisión de non repetir como cabeza de lista. Carrera foi tenente de alcaldesa durante catro mandatos, un dos períodos máis longos de presenza nacionalista nun goberno municipal da Terra Chá, e mantén hoxe a portavocía do grupo municipal do BNG, que conta con tres concelleiros.

As súa elección para dirixir o BNG en Pastoriza implica un cambio importante para unha listaxe de fonda tradición. Como foi o proceso?

Nunha asemblea, coa militancia e as persoas simpatizantes decidindo. Se non fose así, eu non estaría aquí. Máis que un cambio, eu chámolle unha renovación de forzas. Nesta agrupación houbo xente que traballou moitísimo, empezando por Elva Carrera, e iso respéctase e agradécese: sen ese traballo, hoxe non estaríamos en condicións de aspirar a gobernar. Agora tócanos dar un paso adiante e o que hai que cambiar en 2027 non é o BNG, é un goberno que leva catro anos administrando Pastoriza como se estivésemos en 1985.

Que obxectivos ten para as próximas eleccións?

Gobernar. Sen rodeos. Non me presento para facer oposición nin para sumar un concelleiro: preséntome para ser alcalde, cun proxecto propio para o concello. A forma de gobernar ten que ser acorde aos tempos: modernizar é poñer a administración ao servizo da veciñanza e non ao revés; transparencia é entender que a información municipal é un dereito de quen vive aquí, non unha concesión de quen goberna; planificar é decidir con criterio e a longo prazo, e non ao ritmo do calendario electoral; innovar é ter iniciativa propia en vez de vivir do que nos queiran conceder outras administracións. Todo iso resúmese nunha soa idea: un concello onde as cousas se consigan por dereito e non por favor. Prefiro que me esixan a que me aplaudan.

Xa ten unha lista ou aínda está en formación?

Está en formación, e a estas alturas ten que ser así. Contará con xente que ten claro que cada ano somos menos e a xente nova marcha. Queremos unha candidatura que represente a todo o Concello, con mulleres, mozas e mozos, e xente do sector gandeiro. Quero que a veciñanza a mire e pense: esta é a xente que eu quero que me goberne.

Como se vinculou á política e ao partido?

A política estivo comigo desde pequeno, e non por ningún partido. Foi pola defensa da cultura e da lingua, das tradicións, dos dereitos da xente e da conciencia de clase, e nos últimos anos pola preocupación da deriva medioambiental e pola polarización á que nos queren levar. Sempre vivín fóra do foco, pero tiven sempre clara unha cousa: quen se desentende da política acaba gobernado por quen non se desentendeu. O espazo nunca queda baleiro. Confío no BNG porque é a organización que pensa este país desde aquí e que non ten que pedirlle permiso a ninguén para defender Pastoriza.

Como ve o seu concello?

Somos unha potencia gandeira, sobre todo no leite. O problema deste Concello cabe nunha frase: cada vez temos máis vacas e somos menos persoas. Menos familias, menos rapaces e rapazas e máis xente maior soa e dependente. Un concello que produce tanta riqueza non pode estar perdendo veciños cada ano. Iso non é mala sorte, é falta de proxecto. Eu son enxeñeiro e dedícome a resolver problemas: cousas que teñen que funcionar, cun orzamento, cun prazo e cun responsable. O que vexo neste concello é xusto o contrario. Un goberno que non planifica e que non resolve: apraza. Que non publica, que non consulta, e que cando algo non sae bota a culpa á oposición. Agora están a dicir que os proxectos chegarán se o PP ten maioría en maio. Poñerlle prezo ao voto da xente en postos de traballo non é gobernar: é recoñecer falta de capacidade. E hai algo que aquí non se di. Pastoriza non ten por que ser só gando. Eu traballo desde aquí porque escollín facer a miña vida neste concello e quero habitar este territorio e non serlle alleo. E o que hai vinte anos era imposible hoxe non o é: moitos traballos xa non precisan que a persoa estea onde está a empresa. Pódese vivir aquí e traballar para Lugo ou para fóra do país. Iso existe, está pasando, e neste concello aínda non se fixo nada para aproveitalo, nin para fomentar o emprendemento. E non se trata de deixar de ser o que somos. O sector agrogandeiro é a nosa base e seguirá séndoo, pero non podemos deixar de pensar en diversificar. Precisamos de ambición, xente que decida emprender e xente nova que poida decidir quedar aquí. Nada diso vén só: búscase. Seguiremos sendo unha potencia gandeira, e ademais podemos ser un lugar onde caiba máis xente e máis maneiras de gañar a vida.

Pastoriza leva moitos anos repetindo resultados electorais. Ve posible un cambio de tendencia?

O cambio xa se produciu. En 2023 rematou unha etapa de dezaseis anos e o PP chegou á alcaldía en minoría, con cinco de once concelleiros e menos da metade dos votos. É dicir, a maioría da veciñanza non votou o PP. Ese espazo está aí, e o BNG quere representalo cun proxecto propio, renovado e con ganas. E nós imos estar.

Sobre que eixos vai fundamentar o programa?

Sobre un programa que mire dez anos adiante e non ata a seguinte foto. As estradas hai que arranxalas e os servizos teñen que funcionar, faltaría máis, pero iso non é un programa: é a obriga de calquera concello. O noso empeza onde eles rematan. Primeiro, deixar de ser clientes das outras administracións. Traer cartos é moi importante, pero un concello que só actúa cando lle chove o diñeiro de fóra non ten proxecto. Segundo, situar Pastoriza nos temas que van decidir o futuro do rural: a dependencia enerxética, a vivenda, a organización territorial, así como a demografía e relevo xeracional, a conectividade, a auga e adaptación climática. E terceiro, o social, que é o que máis urxe. Servizos públicos de calidade e coidados dos maiores. Aquí está a prioridade e non nunha ampliación do circuíto con 360.000 euros de diñeiro municipal e outro tanto da Xunta. Cando alguén me diga que non hai cartos, esa é a cifra que vou poñer enriba da mesa.

Ve posible reeditar o pacto PSOE-BNG se os resultados volven ser favorables para iso?

O BNG preséntase para gobernar cun proxecto propio, e niso estamos centrados. O que decida a veciñanza en maio respectarémolo. Un goberno non funciona pola suma de siglas: funciona se hai un proxecto. E permítame rematar con isto, que para min é importante: non lle imos dicir a ninguén deste concello que, se non nos vota, non virán as obras nin o traballo. Iso non é gobernar, é mandar. Un concello ten unha obriga moi simple: atender a todos por igual. E iso non se consegue con boa vontade, conséguese con criterios escritos e á vista de tódalas veciñas e veciños.

0.14712905883789