Un convenio permite a urbanización da área recreativa de Vilalvite en Friol

TerraChaXa | LugoXa
O alcalde de Friol e a Deputación asinaron un convenio por algo mais de 25.000 euros para a urbanización da área recreativa de Vilalvite.
1 Convenio Friol Deputacion acondicionamento Vilalbite
30 Dec 2021

O alcalde de Friol, José Á. Santos e a Deputada do BNG, Delegada da Área de Medio Rural da Deputación Provincial, Mónica Freire, veñen de asinar un convenio por un importe de algo mais de 25.000 euros para a urbanización da área recreativa de Vilalvite.

O importe total previsto para estes traballos ascende a mais de 27.000 euros , distribuirase no 90% de aportación da área de Medio Rural da administración provincial e o 10% restante trátase dunha aportación municipal, está previsto que comecen as obras no primeiro trimestre do vindeiro ano 2022.

Con este convenio pretendese acondicionar e mellorar o espazo para o desfrute e a comodidade da veciñanza, de forma que teñan un lugar práctico e seguro para participar nas diferentes actividades que se organizan na mesma área.

Tamén se pretende potenciar o uso social e recreativo da zona de actuación aumentando a integración co entorno, para o cal se mellorará o pavimento, dotarase de mobiliario urbano, como tamén de instalación de ocio para os veciños e veciñas da mesma parroquia, así como a instalación dunha zona de xogos para a práctica da poboación infantil.

Segundo o alcalde, José Á. Santos, “trátase dunha colaboración histórica, dado que había mais de quince anos que non existía colaboración neste sentido entre ambas administracións. Santos agradece a implicación e a sensibilidade da Deputada provincial responsable da área de medio rural Mónica Freire, dado que desde que se lle propuxo a necesidade de levar a cabo estas obras, mostrou a súa plena dispoñibilidade para colaborar en que dito acondicionamento poida ser unha realidade”.

A Deputada Mónica Freire pola súa parte destacou que “esta actuación atenderá unha demanda da veciñanza da parroquia de Vilalvite, que mostrou un gran interese por mellorar o espazo no que desenvolvían moita da súa actividade comunitaria e, desde á Área de Medio Rural, quixemos seguir deste xeito a colaborar na mellora das infraestruturas e os servizos da zona rural da provincia”. Ademais quixo recalcar que “este tipo de espazos ao aire libre facilitan o encontro e a vida social que son fundamentais para a calidade de vida das persoas”.

O alcalde móstrase en plena sintonía coa responsable da Area de Medio Rural da Deputación, dado que temos en común a aposta polo noso rural, apoiando e tratando de impulsalo con este tipo de colaboracións.

Nese sentido, Santos agarda que o presidente da Deputación Provincial, "tome nota e vexa que si realmente e o presidente de todos os lucenses como di, debe abrirse a aportar desde os seus departamentos provinciais o apoio necesario e demandado polos Concellos, independentemente da cor política que está no goberno dos mesmos".

José Á. Santos, xunto o equipo e Goberno pretende continuar nesta liña de traballo, buscando apoio e colaboración entre ambas administracións, para de esta maneira facer fronte a distintos proxectos que nestes momentos están no plan de futuro e que son necesarios para a mellora de calidade de vida dos nosos veciños.

Convenio Friol Deputacion acondicionamento Vilalbite
0.15893793106079