Un mozo de Rábade resolve en tempo récord un videoxogo de aventuras ambientado en Allariz

LugoXa | TerraChaXa
Santiago García Carreira gañou en esta aventura 30.000 euros
premio-videoxogo-rabade
30 Dec 2024

O mozo rabadense Santiago García Carreira vén de gañar 20.000 euros ao resolver en tempo récord un videoxogo de aventuras ambientado en Allariz.

A vila converteuse no escenario perfecto para unha aventura onde cada recuncho, cada rúa empedrada e cada detalle histórico foron pezas clave para resolver o gran enigma.

Para participar nesta aventura gráfica tan só era preciso ter acceso a un ordenador e cinco euros. Non era necesario ser un experto, como así demostrou Santiago, que era a primeira vez que participaba nunha iniciativa deste tipo na que o máis complicado é poñer a proba a capacidade de dedución e resolver os enigmas máis complexos.

O xogo forma parte da saga Tristán Téllez e era a segunda vez que se disputaba. A primeira tivo como escenario o mosteiro de Santa Cristina, no Concello de Parada de Sil. Desta volta, presentáronse concursantes de toda España e foi este programador informático natural de Rábade o que se fixo co premio en tan só unha hora e 53 minutos.

O reto non consistía en resolver o enigma senón en ser o primeiro en facelo. Na anterior convocatoria o gañador tardou 11 horas en facerse co obxectivo.

Tristán Téllez é un xogo interactivo baseado na novela homónima onde se fusionan literatura, análise crítica da actualidade, coñecementos e promoción turística.

Neste segundo capítulo recreouse dunha maneira pioneira a vila de Allariz, levándoa a un motor de xogo e permitindo así utilizala como escenario principal da segunda entrega de Tristán Téllez.

Este xogo e a súa dinámica, creada polo ourensá Javier Cid Romero, ármase grazas a financiamento do Goberno de España, xunto ao Ministerio de Cultura mediante o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia que apoia a NextGenerationEU.

O seu creador defíneo como unha iniciativa innovadora apoiada por fondos públicos e unha proposta que ofrece diversión, coñecemento e un gran premio para o mellor.

0.14808893203735