Un pianista romanés na Chaira
Por Moncho Paz
Corría o mes de setembro de 1987 cando un afamado pianista romanés, que dicía chamarse Dan Enescu, percorría as rúas de Lugo até chegar aos xardíns do parque Rosalía de Castro, onde o agardaba unha sesión fotográfica coa prensa local. Aquela convocatoria formaba parte dunha “performance” coordinada por Mercedes Iturbe Argüelles, unha muller imaxinativa e emprendedora que dirixía o Centro Cultural de México na capital francesa. Os xornalistas alí presentes amosaban a súa sorpresa pola imaxe estrafalaria do personaxe, de poboada barba moura, guedellas ao vento e ataviado cunha longa capa estilo conde Drácula. A súa triste figura lembraba ao “cabaleiro de París”; mais non podía selo, porque Xosé María López Lledín era considerablemente maior e finara dous anos atrás nun hospital da Habana. As persoas que se achegaban por curiosidade ficaban pasmadas coa composición decimonónica da escena, pois o protagonista parecía realmente un viaxeiro do tempo que aterrara na urbe amurallada por algún conxuro ou meiguería. Rematada a sesión de fotos, a comitiva dirixiuse cara á Praza Maior, pois a xornalista mexicana que o acompañaba estaba interesada en parar na libraría Souto para mercar varios exemplares de ‘O lago de Como’, a primeira novela de Ramón Chao, un coñecido locutor da radio pública francesa natural de Reigada que levaba máis de trinta e cinco anos residindo na cidade do Sena.
O pianista romanés semellaba un mudo austero, até que recibiu en man un dos libros adquiridos por Mercedes. De súpeto, citou a Samuel Beckett nun perfecto galego: "O artista que se xoga a súa vida non ten irmáns e é de ningunha parte...". E despois lanzou unha declaración de intencións: "Síntome moi influído pola moral cristiá. Os desexos de ser bo son fortes en min, como o son tamén as grandes facilidades que posúo para ser vil; pero non teño nin a máis mínima idea de utilizar esas posibilidades que acadei na miña nenez". E calou. Tras o anuncio de que marchaban percorrer as comarcas da Terra Chá e da Mariña, disolveuse o grupo e os xornalistas espalláronse para atender o seu quefacer cotián. Mercedes despediuse deles: “Non esquezan buscar nas hemerotecas a nova de cando o señor Enescu deleitou ao público lucense no Círculo de Belas Artes. Foi en 1955, cando obtivo o Premio de Virtuosismo de piano”.
Unha hora máis tarde, o pianista romanés e a súa acompañante chegaban a Reigada, onde deron un longo paseo de ida e volta pola avenida principal e logo xantaron en Casa Seijo. Pola tarde tomaron café no bar Roca. Antes de abonar as consumicións, iniciaron conversa con outra parella da mesa contigua. A mexicana levaba a batuta: “En realidade estou a facer unha reportaxe sobre esta vila, que adquiriu sona internacional por ser un lugar de onde saíron mentes prodixiosas, unhas ilustres e outras ilustradas”. O veciño respondeulle axiña: “Por suposto, aquí naceu don Manuel Fraga Iribarne, nesta mesma rúa, e don Antonio María Rouco Varela, na rúa de abaixo”. De seguido, a xornalista espetou: “E seica tamén son de aquí os irmáns Chao Rego”. No entanto, o pianista romanés amosábase inquedo na cadeira. “Eses? Uns desgraciados… Un deixou o maxisterio da Igrexa, meteuse en política e casou polo civil. E o outro escribiu un libro onde puxo a parir á súa familia e á metade da vila. Como veña por aquí, esnaquizámolo”. Tras observar como aquel homiño vociferaba sen motivo aparente, Dan Enescu deu un chimpo e fixo un xesto decidido coa man, en silencio e movendo a capa como se quixera dicir “imos coa música a outra parte”. E pasaron da terraza do Roca á do Fornos, a poucos metros de distancia. Alí tiveron ocasión de repetir a escena, cunha reacción case similar á anterior.
Ao caer o serán pararon na Casa dos Marios, onde cumpriron co guión establecido preguntándolle o mesmo ao encargado do local, un tal Chavito. Este respondeu: “Os irmáns Chao son boa xente, forman parte dunha familia moi apreciada na nosa vila. Vostedes de onde veñen? A face deste señor e os seus xestos lémbranme a alguén, mais non sabería dicir agora a quen”. Foi daquela cando Dan Enescu, con enerxía, arrincouse a barba de socate e soltou unha gargallada berrando: “Son Ramón, home… Ramón Chao”. E os dous amigos fundíronse nunha aperta.
Eu estaba na casa, preparando a miña crónica para El Progreso, cando soou o teléfono. “Está aquí Chao, se vés agora preséntocho”, díxome o Chavito. E presenteime alí de inmediato. Ramón viñera disfrazado de pianista romanés para pasar desapercibido. "Só me recoñeceu o can da familia, mentres tomaba un café na terraza do Fornos", afirmou con sorna. “Rematei farto de escoitar o mal que falan de min nesta vila”, concluíu. Eu estaba impresionado con aquela situación, non me parecía real. Preguntoume que quería estudar e díxenlle: “Xornalismo en Madrid, de feito estou a prepararme para o acceso á Universidade”. Desexoume sorte e díxome que acudise a el se precisaba calquera cousa. Pasoume dous teléfonos: o do seu despacho en Radio France Internationale e o da casa de Sèvres. A vida levounos a coincidir moitas veces dende aquela, pero esa é outra historia.
Antes de despedirnos, pregunteille o porqué do título ‘O lago de Como’ para a novela. "Trátase dunha obra musical, vulgar, que o meu pai, cando eu xa interpretaba a todos os grandes autores, obrigábame a tocar na Fonda Chao ante os seus amigos ou convidados. E era a peza que máis gustaba. Foi a nai do año, porque esta obra e os xamóns que agasallaba o meu pai a torto e dereito fixeron de min o músico que fun até os vinte e catro anos”. Despedímonos e regresaron cara a París, onde tiñan un acto como membros do xurado do premio Juan Rulfo. Agás o día que asistiu ao enterramento da súa nai, Ramón non volvería á súa Reigada natal até o 15 de abril de 2011.