Un total de 11 particulares, asociacións e concellos das Fragas do Eume recibiron axudas da Xunta para os seus proxectos

A Xunta destina este ano máis de 116.500 euros en axudas para levar a cabo actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural das Fragas do Eume e a súa área de influencia socioeconómica. A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no marco dunha visita a unha das actuacións acometidas no concello das Pontes.
Destacou que no ámbito deste espazo natural concedéronse un total de 11 axudas, tres aos concellos das Pontes, Cabanas e Pontedeume, sete a particulares e outra á Asociación de Defensa Ambiental Grupo Naturalista Hábitat.
A delegada visitou hoxe nas Pontes unha das actuacións financiadas por un particular que percibiu unha achega de 10.000 euros para a rehabilitación dun hórreo en Pereiro de Abaixo, na parroquia de San Pedro do Eume.
Aneiros lembrou que esta convocatoria de axudas que contou cun crédito orzamentario de 1,8 M€ este ano, dispón dunha liña destinada a reservas da biosfera de Galicia e outra a actuacións na Rede Natura 2000 e parque naturais. Esta segunda liña ten como beneficiarios a concellos, particulares, empresas e entidades ambientais e asociacións veciñais de montes e conta con tres eixos de actividades subvencionables no perímetro dun parque natural ou na súa área de influencia. Son a conservación, restauración e mellora da biodiversidade; a recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos, e a creación ou avance de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.
“Trátase dunha medida coa que o Goberno galego pretende contribuír a deter e a inverter a perda da biodiversidade, a potenciar os servizos ecosistémicos e a conservar os hábitats e as paisaxes”, explicou a responsable autonómica.
O parque
As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural en 1997 cunha superficie de máis de 9.000 hectáreas que se estenden polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez. Trátase dun espazo que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o río.
Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa. Desde o ano 2023 conta cun Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) aprobado pola Xunta que prevé 8,5 millóns de euros de investimento para os seus 10 anos de vixencia.