Unanimidade en Cospeito para reclamar a reposición de prazas de médicos no centro de saúde

TerraChaXa
Cospeito viviu un último pleno cargado de intensidade e con varios acordos.
psoe cospeito
psoe cospeito
28 mar 2024

Cospeito viviu un último pleno cargado de intensidade e con varios acordos. Así, foi aprobada por unanimidade unha proposta socialista na que reclama a reposición de prazas no centro de saúde de Feira do Monte, “sabemos que houbo unha repartición dos pacientes entre os médicos que quedaron, o que implica unha maior carga e unha tendencia ao colpso”, explicou Daniel Irimia, voceiro do PSOE, que resumiu a intención de solicitar á Xunta de Galicia que repoña as prazas vacantes.

Outra das medidas que se votaron en unanimidade foi a solicitude de que a Moexmu fose declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, cun agradecemento “ao traballo dos veciños e das distintas comisións, a de hoxe e tamén as de anos atrás”, dixeron. Daniel Irimia aproveitou para avanzar que a Festa da Filloa e a Moexmu recibirán unha axuda maior por parte do ente provincial.

Tamén se votou a favor a moción socialista para unha declaración institucional en contra da Guerra e á modificación de créditos de prazas non cubertas presentada polo Goberno.

Xa non houbo tanto acordo en dous temas. Por unha banda aprobouse levantar 12 reparos de intervención derivados de facturas do ano pasado, pagadas este ano, despois de seis meses nalgúns casos. Segundo explicou o voceiro socialista “é o maior número de reparos presentados nunha lexislatura e simboliza a xestión nefasta do alcalde para un concello que ten 600.000 euros de débeda dun crédito ICO”.

Rematou nun acalorado debate a ordenanza fiscal da piscina, que recolle un incremento de tarifas de 0,5 euros máis para os menos de 15 anos e 0,6 para os adultos, o que supón 11 euros máis para o bono de tempada no primeiro caso e 11,5 para os adultos.

“Sempre procuraremos que a piscina municipal sexa gratuíta para toda a veciñanza -protestou o voceiro socialista-. Comprométome agora a firmar un convenio coa Deputación para que sexa de uso libre e gratuíto por toda a veciñanza”.

Non faltaron as consabidas preguntas socialistas, que se formularon na parte final e nas que volveu falar de moitos temas antigos como o estado do centro de saúde de Muimenta, a falta de actos o Día da Muller, a convocatoria pública para outorgar autorizacións de aproveitamento de ocupación do dominio público, polos montes veciñais en man común de Bexán, pola colación dunha protección no colexio Virxe do Monte, polo Servizo de Axuda no Fogar, polo polígono industrial, a Torre de Caldaloba e varias obras de mellora.

Ademais, despediuse no pleno a concelleira socialista Beatriz Díaz Pérez, por motivos persoais, e entra na Corporación o número 5 da lista José Ramón Chao Iglesias.